EDUCACIÓN E BENESTAR SOCIAL

O Concello de Santiago colabora nos actos con motivo do Día Nacional do Celíaco

25/05/2011 A Concellería de Educación colabora coa Asociación de Celíacos de Galicia en dar a coñecer esta enfermidade. Así, e con motivo da celebración do Día Nacional do Celíaco o venres 27 de maio, realizouse unha campaña de divulgación nos colexios, co reparto de folletos informativos entre os alumnos de 6º de Primaria dos centros escolares da cidade. O Concello colabora tamén con outras iniciativas, como o concurso Santiago(é)Tapas ou unha campaña nos medios de comunicación.

Ademais desta campaña divulgativa, a Asociación de Celíacos de Galicia (ACEGA) preparou outras actividades. O Concello colabora con outra delas a través do concurso Santiago(é)Tapas, que de desenvolve do 13 ao 29 de maio. Por segunda vez, os celíacos poden participar no certame, xa que dez dos establecementos participantes ofrecen ata doce tapas diferentes sen glute. Tamén o 27 de maio, neste caso coa colaboración da Concellería de Benestar Social, aparecerá no xornal El Correo Gallego unha inserción publicitaria sobre a enfermidade celíaca.

A Asociación instalará mesas informativas na praza do Toural e na praza Roxa e algúns colexios, como o Compañía de María ou o Lamas de Abade, ofrecerán menús sen glute aos escolares do comedor. Igualmente, os alumnos do Centro Superior de Hostalería (A Barcia) e do CIFP Compostela elaborarán menús sen glute nesta xornada. Finalmente, repartiranse folletos nos centros Mercadona, grazas ao convenio que a Asociación asinou con esta empresa o 4 de maio.

Con motivo deste Día Nacional do Celíaco, ACEGA reivindica o recoñecemento da enfermidade celíaca e solicita medidas que axuden aos afectados por este trastorno da alimentación. Entre as súas principais peticións está a realización de programas de concienciación social que axuden a dar a coñecer unha enfermidade que padecen máis de 450.000 persoas en España, pero só un 10% está diagnosticado.

Tamén reclaman a inclusión da dieta sen glute dentro do réxime sanitario, de forma que os afectados poidan optar a subvencións para paliar parcialmente o custo dos produtos sen glute, o único tratamento coñecido ata agora, e que supón 1.500 euros máis ao ano na cesta da compra en comparación co resto da poboación española. Outra das súas reivindicacións é a garantía de seguridade nos menús de centros públicos (centros escolares, universidades, hospitais, estacións, aeroportos…), e a recomendación de incluír os devanditos menús en todos os establecementos de restauración.

A enfermidade celíaca é unha intolerancia permanente ao glute, unha proteína presente en distintos cereais como trigo, cebada, centeo, espelta, kamut, triticale e probablemente avena e os seus produtos derivados. É a enfermidade crónica intestinal máis frecuente en España. O único tratamento é levar unha dieta exenta de glute durante toda la vida. Deste xeito conséguese a normalización clínica

Festa Anual
Na actualidade, a Asociación de Celíacos de Galicia conta cuns 2.050 asociados, dos que uns 400 pertencen á comarca de Santiago, aínda que resaltou que hai celíacos non asociados e outros moitos sen diagnosticar. Todos os asociados terán a súa festa anual ao día seguinte, o sábado 28 de maio. É unha ocasión para que os celíacos poidan compartir unhas horas para intercambiar experiencias, opinións, recetas, etc.

Está prevista a asistencia de más de 450 persoas a esta comida de fraternidade, que se completará coa exposición das casas comerciais, un sorteo de lotes de produtos sen glute e animación para os máis pequenos. O lugar de encontro será o IES de Fontiñas.

Direcciones relacionadas



Compartir: