ALCALDÍA

O alcalde en funcións márcase como obxectivo inmediato a "transmisión ordenada das responsabilidades de goberno"

25/05/2011 O alcalde compostelán en funcións, Xosé A. Sánchez Bugallo, compareceu en rolda de prensa para indicar que o seu obxectivo nas vindeiras semanas será propiciar unha "transmisión ordenada das responsabilidades de goberno". Así llo manifestou nunha primeira reunión ao gañador das eleccións municipais do 22 de maio e próximo alcalde, Gerardo Conde Roa.

Sánchez Bugallo indicou que se ocupará de preparar a transmisión de poderes cara a toma de posesión do 11 de xuño, ou do 2 de xullo se houbera algún recurso contencioso derivado do reconto de votos. En calquera caso, manifestoulle a Conde Roa a súa dispoñibilidade a que este poida designar a determinadas persoas para que se "vaian incorporando aos diferentes departamentos" cara a facilitar a transición.

Puxo como exemplo deste posible proceder os departamentos de Festas ou de Protocolo, ante a inminencia das festas do Apóstolo, se ben neste caso recordou que os fogos xa foron licitados. Tamén será o caso, dixo, do Departamento de Facenda, polo que a concelleira e a interventora se reunirán coa encargada desta área do futuro Goberno para facilitarlle a información que precise.

O alcalde en funcións tamén lle comunicou ao futuro rexedor municipal a súa "plena dispoñibilidade para chegar a acordos institucionais en temas importantes como o Consorcio, o apoio á USC e á Facultade de Medicina ou a Cidade da Cultura".

Compartir: