MEDIO AMBIENTE

A guía da Selva Negra difunde a súa riqueza ecolóxica, paisaxística e recreativa

20/05/2011 A concelleira do Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, presentou o cuarto volume da colección de guías de peto Parques de Compostela, referido nesta ocasión á Selva Negra. "Coa actuación realizada neste parque da Selva Negra, aumentouse o seu valor ecolóxico, paisaxístico e recreativo", destacou.

Elvira Cienfuegos sinalou que escolleu esta data para a presentación da guía porque as Nacións Unidas declararon o 22 de maio como Día Mundial da Biodiversidade. Ademais, o ano 2010 foi o Ano Internacional da Biodiversidade e este ano 2011 é o Ano Internacional dos Bosques, nos que se conserva un terzo da biodiversidade do planeta, indicou a concelleira.

A Selva Negra, situada na aba do Monte Pedroso, é hoxe un parque público de 22 hectáreas, lindeiro coa Granxa do Xesto. É unha valgada, con tres prados e unha vella carballeira, rodeada de carballos máis novos entre os que medran outras especies de árbores, arbustos e plantas herbáceas. Conta cunha fonte monumental, da que mana auga durante todo o ano, unhas minas na parte alta que alimentan un pequeno regato, un zona húmida á beira da estrada e unha lagoa naturalizada nunha das ladeiras. Está sucada por unha rede de camiños e sendeiros e complementada con paneis informativos.

"Esta publicación monográfica ten como obxectivo difundir a súa existencia, o seus atractivos e axudar a gozala", sinalou a edil. A autoría dos textos é de Santiago Agra e da Concellaría de Medio Ambiente, e contou ademais co asesoramento do Museo de Historia Natural, de ADEGA e de Dehistoria. As imaxes son de Fuco Reyes, prestixioso fotógrafo compostelán.

Historia e puntos de interese
En canto ás características técnicas, na liñas dos outros monográficos, consta este de 24 páxinas que se inician cunha introdución na que se caracteriza brevemente a Selva Negra e continúa cun capítulo dedicado ás orixes deste parque, que se sitúan no século XVII, aínda que as lendas falan del con anterioridade. Foi no século XVII cando a veciñanza das parroquias de Marrozos, Aríns e O Eixo plantou trinta carballos a carón da chamada fonte do Cardenal Espínola. No século XIX pasou a mans privadas e volveu de novo a ser público cando o Consorcio da cidade a adquiriu en 2007.

Descríbese logo o recente proceso de restauración, tamén financiado polo Consorcio, que consistiu na substitución de eucaliptos e acacias por frondosas, o saneamento dos prados, acondicionamento dos accesos e a restauración parcial dos elementos de pedra: muros, fontes e minas.

A última parte ocúpase dos puntos de interese, como son a carballeira, os prados, as matogueiras, a fauna e a auga. E finalmente, a paisaxe, a da propia Selva Negra e a da que dende ela se avista. A publicación compleméntase cun mapa de situación e un plano do parque.

Editáronse 2.000 exemplares en papel reciclado, que estarán a disposición dos interesados no Centro de Interpretación de Parques e Xardíns da Alameda, no Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (Belvís) nos centros socioculturais, nas dependencias municipais, na Oficina de Turismo e nos centros educativos.

Compartir: