CONSORCIO

Música medieval nunha nova xornada do Compostela Organum Festival

20/05/2011 A quinta xornada do Compostela Organum Festival, organizado polo Consorcio da Cidade de Santiago, acollerá o sábado 21 de maio, ás 20:30 horas, na igrexa da Universidade, un concerto que trasladará ao público ao medievo a través dun repertorio de época.

Entre os músicos participantes estarán o organista David López Peláez, o grupo Dulsica e o Coro de Cámara Francisco de Montanos, de Valladolid, cuxo director José Ignacio Farrán Martín, dirixirá un repertorio musical baseado en temas medievais. Musicólogo premiado e cunha ampla experiencia coral como cantante e director, destaca por ter dirixido obras como Sestina, de Monteverdi; Te Deum et Jubilate, de Purcell; ou as Vesperae de Dominica, de Mozart.

David López Peláez efectuou os seus estudos de órgano con Miguel del Barco no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, e perfeccionouse con Montserrat Torrent nos cursos de Música en Compostela, obtendo en 2006 o Premio Rosa Sabater. Para esta concerto interpretará obras seleccionadas nos Codex Faenza e Robertsbridge Codex, coleccións de pezas para órgano escritas no século XIV, así como obras de Guillaume de Machault e Johannes Ockeghem, transcritas para órgano polo propio David López.

O Coro Francisco de Montanos interpretará a súa versión do Libre Vermell, unha recompilación de obras relixiosas destinadas a entreter aos peregrinos que chegaban ao santuario catalán de Montserrat, segundo relata o manuscrito redactado no século XIV. Así mesmo, o grupo Dulsica amosará na súa actuación a súa sonoridade tímbrica e de percusión. A súa música caracterízase por introducir instrumentos como a frauta, diferentes tipos de gaitas, pitos, chirimías e cromornos. Este concerto amosará unha das mellores coleccións de música medieval coa que o Compostela Organum Festival quere celebrar o 800 Aniversario da Catedral de Santiago.

Compartir: