BENESTAR SOCIAL

Concurso fotográfico para poñer en valor o traballo feminino cotián

20/05/2011 A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Mar Martín, presentou as bases do Concurso Fotográfico A corresponsabilidade de camiño. Os traballos que moven o mundo. Este certame enmárcase no programa Compostela Corresponsable e no Pacto Local pola Conciliación.

O obxectivo fundamental deste Concurso, tal como apuntou a edil, é "poñer en valor e facer visibles as actividades realizadas cada día polas mulleres relacionadas co traballo doméstico e de coidados". Ademais, pretende ser un mecanismo para sensibilizar á poboación sobre a necesaria participación dos varóns no doméstico.

O certame ten dúas variantes, unha para fotografías antigas e outra para instantáneas actuais. Cada participante poderá remitir un máximo de dúas fotografías para cada unha das categorías. Haberá premios de 300 e 150 euros para o primeiro e segundo clasificados de cada unha das categorías. Co material deste Concurso realizarase posteriormente unha exposición.

Este concurso enmárcase dentro do Pacto Local pola Conciliación. Dentro do mesmo, Mar Martín tamén quixo resaltar algunha outras materias nas que se está traballando. É o caso do Observatorio Local pola Conciliación, cuxo obxectivo será debater sobre o uso do tempo libre na cidade.

Tamén se está concretando un Circuíto da Corresponsabilidade, que promoverá talleres destinados tanto a homes como a mulleres para desenvolver habilidades básicas que faciliten a autonomía persoal. Por un lado, traballarase cos máis novos a través dos educadores de rúa e, polo outro, con estudantes que empecen na Universidade.

Documentos relacionados



Compartir: