MOBILIDADE

O aparcadoiro de Xoán XXIII incorpora un servizo de aluguer de paraugas e prazas reservadas para usuarios con cativos

19/05/2011 Os aparcadoiros da sociedade municipal TUSSA continuaron ao longo do pasado ano cunha moi boa progresión, aumentando en máis de 7.500 os usuarios de rotación. Nunha rolda de prensa para presentar os resultados do primeiro cuadrimestre de 2011, o concelleiro de Mobilidade e Transportes, Carlos Nieves, tamén anunciou dous novos servizos do estacionamento de Xoán XXIII: o préstamo de paraugas e tres prazas reservadas para usuarios que acudan con cativos.

O número total de vehículos en rotación no aparcadoiro de Xoán XXIII no primeiro cuadrimestre de 2011 foi de 36.737, fronte aos 34.000 do mesmo período do ano 2009, o que supón un incremento de 2.737 coches. Compárase con 2009 para evitar a distorsión do efecto Xacobeo. En opinión do concelleiro, este incremento de vehículos implica "non só o xa definitivo asentamento deste aparcadoiro na rede da cidade, senón que a política tarifaria e medidas como a posta en marcha da tarxeta aparcafácil incrementan a utilización e o coñecemento da superficie".

Coa intención de seguir mellorando a atención ao usuario, neste estacionamento de Xoán XXIII vanse reservar tres prazas destinadas exclusivamente para aqueles usuarios que acudan con cativos. Estarán situadas ao principio do acceso por San Francisco, terán maior anchura (case catro metros) e favorecerán o estacionamento e a mobilidade destes usuarios que a miúdo van con cadeiras de bebés, mochilas, etc.

Outra novidade será un servizo para aqueles usuarios que se vexan sorprendidos por un día de choiva sen paraugas. Poderán solicitar que se lles preste un nas oficinas do aparcadoiro. O usuario deberá deixarlle o seu billete de aparcadoiro ao axente. Cando pase a recoller de novo o seu vehículo entregará o paraugas.

Nieves tamén lembrou a todos os usuarios do aparcadoiro que poden utilizar de xeito gratuíto unha bicicleta do sistema público para realizar os desprazamentos curtos pola cidade.

Aparcadoiro de Belvís
Polo estacionamento de Belvís pasaron 21.144 vehículos en rotación no primeiro cuadrimestre do ano, fronte aos 16.357 do mesmo período de 2009. Isto supón un incremento de 4.787 coches.

Compartir: