ALCALDÍA

Os traballadores municipais celebraron a festividade de Santa Rita de Casia

19/05/2011 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu no Salón Nobre de Raxoi os traballadores do Concello, con motivo da celebración de Santa Rita de Casia, patroa da Administración Local.

Ás portas de rematar a lexislatura, Sánchez Bugallo agradeceu aos traballadores municipais o seu labor durante estes catro anos e indicou que para el era "un orgullo e unha honra" ter traballado con eles. Resaltou que no Concello hai "moi boa xente" e que, malia a conxuntura económica destes últimos anos, todos xuntos foron capaces de "conseguir grandes cousas".

O acto tamén serviu para que algúns concelleiros que abandonan a Corporación se despedisen dos traballadores municipais. Foi o caso da tenente de alcalde, Socorro García Conde, e dos concelleiros de Mobilidade e Transportes, Carlos Nieves, e de Persoal e Reforma Administrativa, Rosa Fernández.

Compartir: