ALCALDÍA

O alcalde destaca a importancia para o polígono da Sionlla do novo enlace coa N-550

19/05/2011 O Consello de Administración de Emuvissa, presidido polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, acordou adxudicar tres concursos de obras nos solos industriais do norte por importe de mais de 16 millóns de euros. Trátase da construción da primeira fase do enlace coa N-550 e da urbanización dos polígonos industriais de Formarías e Costa Vella 3.

As obras de construción da primeira fase do enlace da estrada N-550 cos ámbitos industriais de Formarís, Costa Vella e FINSA foron adxudicados por 3.476.727 euros e un prazo de execución de dez meses. O alcalde cualificou o enlace como "imprescindible" para o futuro polígono da Sionlla, ao outorgarlle a este tamén unha saída cara a devandita vía, sen a cal "o polígono quedaría coxo". "Calculamos que para marzo de 2012, coincidindo co remate do polígono da Sionlla, este terá así tres saídas, a través da Costa Vella, de Amio e da N-550. E coa duplicación da autopista AP-9 tamén terá conexión coa autopista e coa autovía a Lugo", indicou. O enlace tamén mellorará a conectividade do propio polígono do Tambre.

As obras de reurbanización do SUNP-37.3 da Costa Vella foron adxudicadas por 5.140.117 euros e cun prazo de execución de 8,4 meses. No caso do SUNP-38 de Formarís, a adxudicataria terá que facer as obras en 8,7 meses e por 7.599.188 euros.

Grazas a estes acordos afrontarase a urbanización de 447.000 metros cadrados destinados exclusivamente para actividades económicas. Estes dous solos acollerán 138 parcelas que estarán en oferta e totalmente urbanizadas en menos dun ano.

Sánchez Bugallo afirmou que con estas tres actuacións "queda deseñado como vai quedar toda a área industrial". Indicou que a demora na adxudicación se debeu aos "recursos presentados que a retrasaron" e á presentación de máis de 70 empresas aos concurso, polo que se recorreu a unha empresa externa para analizar todas as ofertas. Subliñou tamén que as baixas nas ofertas, cifradas nun 15%, repercutirán na mesma porcentaxe nos custos do solo.

Liquidación da urbanización da Muíña
No mesmo Consello tamén se aprobou a liquidación polo remate das obras de urbanización do SUNP-5 da Muíña, polígono que iniciou a súa urbanización no ano 2009 e no que se están comezando a construír vivendas protexidas.

Este polígono acollerá 414 vivendas, das que 403 (97%) son vivendas protexidas. Co remate destas obras, o Concello recibe un novo parque urbano cunha extensión de 7.280 metros cadrados e 9.178 máis de zonas verdes. Tamén se urbanizaron 15.500 metros cadrados para equipamentos públicos e un paseo peonil de máis de medio quilómetro. A rede viaria municipal increméntase en 17.173 metros cadrados.

Compartir: