MEDIO AMBIENTE

A Concellería de Medio Ambiente solicita a inclusión de Santiago no Programa de Diagnóstico Enerxético do Hábitat Urbano

18/05/2011 A titular de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, anunciou que o Concello vén de solicitar a súa inclusión no Programa de Diagnóstico Enerxético do Hábitat Urbano, co fin de contribuír á mellora da eficiencia enerxética. Preténdese que Santiago sexa un dos cinco concellos do Estado nos que a Fundación "La Casa que Ahorra" realice un diagnóstico comparativo entre dúas zonas urbanas para amosar, de forma cualitativa, as diferenzas entre edificios ineficientes e razoablemente eficientes.

Atendendo ás bases da convocatoria, a Concellaría de Medio Ambiente solicitou que este diagnóstico comparativo, consistente na realización de termografías de fachadas e cubertas e toma de datos dos edificios, se leve a cabo nos barrios de Vite (construcións posteriores á entrada en vigor do Código Técnico da Edificación) e os de recente construción no barrio de Santa Marta e nos que xa se aplicaron as disposicións do citado Código Técnico.

No caso de resultar seleccionada, a Concellaría de Medio Ambiente comprométese a colaborar coa Fundación "La Casa que Ahorra" na realización do diagnóstico, así como a difundir os seus resultados, xunto coas diferentes liñas de axudas para a rehabilitación e aforro enerxético, entre a veciñanza en xeral e, nomeadamente, entre as comunidades de propietarios.

A selección dos cinco concellos a incluír no programa vaina realizar unha comisión constituída por representantes da Fundación e da FEMP atendendo aos seguintes criterios:

1. Compromiso do concello con actuacións de mellora de eficiencia enerxética.

2. Dispersión xeográfica dos concellos seleccionados, que asegure un alcance xeográfico a nivel estatal.

Máis do 40% da enerxía utilizada na Unión Europea consúmese nos edificios e, deste consumo, entre un 50% e un 70% utilízase para calefacción e refrixeración de vivendas e edificios non residenciais. Máis da metade desta enerxía de calefacción e refrixeración pérdese debido á ineficiencia das fachadas, fiestras e cubertas dos edificios.

A eficiencia enerxética na edificación reporta importantes beneficios para o aforro económico e enerxético, a diminución das emisións de CO2, a protección do medio ambiente e a creación de emprego asociada ás políticas de rehabilitación.

Compartir: