CULTURA

A Producións Artísticas presenta "Alicia&Alicia" no Teatro Principal

18/05/2011 Alicia&Alicia, de Paula Carballeira, é a obra que poñerá sobre as táboas do Principal A Producións Artísticas o xoves 19 e o venres 20, a partir das 21:00 horas. Trátase dun espectáculo de teatro e danza apoiado en audiovisuais que programa a Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais en colaboración coa Rede Galega de Teatros e Auditorios. As entradas están xa á venda na web e teléfono de Caixa Galicia, así como na billeteira do Teatro o propio día da función a un prezo de 7 euros butaca, platea e primeira planta; 5 euros na segunda planta; e 3 euros no anfiteatro

Esta nova montaxe de A Producións Artísticas convida a reflexionar sobre a actualidade. Para a súa posta en escena partiuse dunha adaptación na linguaxe de narración infantil utilizada no clásico de Lewis Carroll, para enfrontala cunha linguaxe estética, musical, coreográfica e audiovisual para adultos, esta última representada nun submundo do onírico, da cultura popular, movementos socioculturais, tribos urbanas, correntes éticas e estéticas... O punk mesturado co grunge, o glam co movemento hippy, unións imposibles, mutantes que na vida real non poderían convivir, coexisten neste submundo dun xeito natural.

Un coello branco pasa por diante de Alicia, que se aburre. A ela non lle resulta moi estraño que o coello diga que vai chegar tarde e que consulte un reloxo de peto que leva no sombreiro. A través desa chisteira, Alicia inicia a súa viaxe máxica por un submundo que a leva a atoparse coa outra Alicia, esa nena ou ese neno que todos temos dentro, que vive nun país baseado nunha continua ilóxica capaz de marear a calquera lóxica, onde radica o seu sentido cómico.

Tras unha longa caída, nada ten sentido. Alicia medra e mingua, as carreiras e os partidos de croquet non teñen regras, un rato conta unha historia seca, un leirón conta unha historia breve, unha eiruga azul fuma en narguilé, un gato aparece e desaparece, a Raíña de Corazóns só pensa en cortar cabezas e os seus naipes só queren compracela, para a Duquesa todo ten que ter unha moral... Alicia comeza a dubidar de quen vén sendo, de cal é o verdadeiro mundo que a rodea, da sociedade en que lle tocou vivir. Ata que esperta do soño. Ou é que en realidade sempre soñamos co mesmo?

Documentos relacionados



Compartir: