CIDADES PATRIMONIO

Santiago de Compostela e as outras doce Cidades Patrimonio da Humanidade de España promociónanse en China

18/05/2011 O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, do que forma parte Santiago de Compostela, participa en Shangai, Cantón e Pekín nunhas xornadas de promoción dirixidas a axentes e touroperadores chineses. Representantes do Grupo darán a coñecer as novidades da oferta turística e cultural das 13 cidades que abandeiran o turismo cultural en España.

Esta acción, que durará unha semana e percorrerá as principais cidades emisoras de turismo de China, está organizada conxuntamente cas Oficinas Españolas de Turismo en Pekín e en Cantón, e enmárcase no Plan de Actuación anual firmado con Turespaña. A súa realización reforza aínda más, se cabe, a aposta que se vén realizando dende hai uns anos no mercado asiático en xeral, un mercado emisor que converteu nun dos máis importantes para as cidades que integran o Grupo.

O acto de apertura en Shangai contou coa presenza do director da OET en Pekín, Antonio de la Morena, quen realizou unha presentación sobre o mercado chinés e as oportunidades que ofrece. As xornadas, nas que participarán 230 axentes de viaxe e touroperadores, consistirán en presentacións e workshops nas distintas cidades. Tamén participarán distintos entes de promoción de institucións españolas como, no caso de Galicia, Turgalicia. Ademais, estarán outras empresas do sector. Está prevista tamén a convocatoria dun total de medio centenar de medios de comunicación locais.

Datos do mercado chinés
O mercado emisor chinés experimentou unhas taxas de crecemento espectaculares e estímase que en 2020 teña o mesmo tamaño que o americano. Segundo as estatísticas do CNTA (China National Tourism Administration), as saídas de turistas chineses medraron ata 57,39 millóns en 2010, é dicir, un incremento dun 20% anual. Destas saídas de viaxeiros ao exterior, Europa recibiu o 4,07%, converténdose no segundo destino a nivel mundial dos chineses despois de Asia. En 2011 espérase que aumenten ata 65 millóns, é dicir un crecemento do 13% anual. As previsións de crecemento do turismo chinés ao estranxeiro para os vindeiros 15 anos estímase nunha media do 10-12% anual, o que o converte nun dos máis desexados para a captación de turismo.

En relación ao perfil dos chineses que viaxan a Europa, trátase de persoas de formación universitaria que buscan patrimonio cultural accesible. Predomina a viaxe organizada incluíndo circuítos de cidade, algo de turismo de negocios e lingüístico.

España é a primeira colonia mundial de chineses en Europa e conta con 5 voos directos á semana entre Madrid e Pekín.

En 2010, China posúe 1.344 millóns de habitantes e conta co segundo PIB mundial, cun crecemento interanual do 10% no último decenio.

Compartir: