XUNTA DE GOBERNO

Aberta a licitación de obras en Marrozos, Son e Grixoa por máis de 600.000 euros

18/05/2011 O Goberno local iniciou o proceso de contratación de tres obras incluídas no Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña: o acondicionamento do entorno do centro social de Marrozos, a construción dunha senda peonil entre o polígono do Tambre e Son de Abaixo e a reforma do firme na vía entre A Ponte e Ponte Albar (Grixoa). Os orzamentos destas tres obras suman 610.285 euros.

No entorno do Centro Sociocultural de Marrozos construirase unha praza e unha zona axardinada a carón da igrexa, que quedará conectada co Centro a través dun sendeiro de formigón. Actuarase sobre unha superficie de 1.820 metros cadrados. A obra permitirá tamén soterrar o cableado. O tipo de licitación é de 133.860 euros.

Por outra parte, vaise a construír unha senda peonil na vía pública R-5-III-B, no tramo comprendido entre o polígono do Tambre e Son de Abaixo. Investiranse 296.824 euros nunha senda cun ancho de dous metros. Tamén se aproveitará para canalizar a rede de pluviais.

Finalmente, acometerase a reforma do firme da vía pública M-8-IV entre A Ponte e Ponte Albar (Grixoa), por 179.600 euros. Colocarase aglomerado en quente nunha vía que terá un ancho de 5,50 metros. En paralelo, a Concellería de Medio Ambiente acometerá as canalizacións de auga neste mesmo tramo.

Na mesma sesión da Xunta de Goberno tamén se aprobou o proxecto modificado das obras de reurbanización da rúa Home Santo de Bonaval. Este cambio non supón incremento económico e valida uns defectos formais de tramitación. A obra adxudícase á empresa principal, outorgándolle un prazo de dous meses máis sobre o inicial para a súa conclusión, polo que o prazo rematará o 30 de xullo de 2011.

Medio Ambiente
En materia de Medio Ambiente, adxudicáronse as obras de mellora no bombeo de auga residual no rueiro de Figueiriñas, por importe de 25.018 euros. Igualmente, aprobouse o proxecto e determinouse a empresa que realizará a substitución dun tramo do colector en Bando, neste caso por 42.357 euros.

Servizos
Outro dos acordos foi o relativo á revisión de prezos do contrato administrativo para a xestión do servizo de recollida de residuos urbanos e limpeza viaria no termo municipal de Santiago de Compostela. Esta revisión supón a aplicación do IPC interanual de decembro de 2009 a decembro de 2010, do 3%, establecéndose o canon anual para 2011 en 7.771.762 euros (IVE incluído).

Cultura e Centros Socioculturais
O programa "Vive o verán" tamén levará este ano a súa oferta de lecer aos diversos recunchos da cidade. A Xunta de Goberno aprobou o evento, que contará cun orzamento de 40.521 euros.

Tamén no eido da Rede de Centros Socioculturais, deuse o visto bo a un gasto de 16.240 euros para equipamento expositivo e reprográfico do Centro Sociocultural de Santa Marta, e adxudicáronse as obras de acondicionamento do centro sociocultural de Marrozos, por 19.432 euros.

Ademais, aprobáronse tres convenios da Concellería de Cultura con entidades culturais: Asociación Cultural Cidade Vella (10.200 euros), Asociación Cultural O Galo (8.500 euros) e Fundación Torrente Ballester (17.850 euros).

Documentos relacionados



Compartir: