DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Compostela afirmou o seu compromiso co galego lembrando a Lois Pereiro

17/05/2011 A praza do Toural acolleu o acto central preparado pola Concellería de Normalización Lingüística con motivo do Día das Letras Galegas. Alí, nenos e nenas da escola de danza de Cantigas e Agarimos leron poemas de Lois Pereiro. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu o acto.

Os actos con motivo do Día das Letras Galegas comezaran na Alameda cunha solta de libros (book crossing). Logo, na rúa do Vilar, a Banda Municipal de Música ofreceu un concerto con motivo desta celebración. O acto do Toural pechou a xornada da mañá. Ademais da lectura de poemas e da intervención do alcalde, actuou Cantigas e Agarimos.

Xa pola tarde, na Quintana, colectivos e cidadáns en xeral participaron unha grande edición colectiva do xogo Atopando Compostela. Repartíronse 300 libros de Lois Pereiro entre os participantes e celebrouse unha exhibición de traxes tradicionais. Actuaron tamén a Colexiata do Sar e o Coro da Rá. Xa pola noite estaba prevista no Teatro Principal a representación da obra Pelos na lingua, por Talía Teatro.

O programa de actos estenderase aínda ao 18 de maio, día no que a Casa das Asociacións acollerá un recital de poesía de 20:00 a 21:30 horas. O dúo de guitarristas Yunta Brava cantará poemas de Lois Pereiro e de autores galegos de todos os tempos. Ademais, entregarase gratuitamente un poemario do poeta homenaxeado e material divulgativo da Concellaría de Normalización Lingüística.

Lois Pereiro
Lois Pereiro nace en Monforte de Lemos en 1958. En 1975 marcha a Madrid, onde comeza a cursar os estudos de Socioloxía, carreira que deixa aos poucos meses para volver a Monforte, onde traballará na cristalería do seu pai un tempo. Finalmente volverá a Madrid, onde funda a revista Loia xunto con Antón Patiño, Manuel Rivas e o seu irmán, Xosé Manuel Pereiro. Aínda que a revista só chega a publicar catro números, é aquí onde Lois comeza a publicar os seus primeiros poemas.

En 1981 establécese na Coruña, onde comeza a colaborar coa revista Luzes de Galicia ao tempo que se gaña a vida como tradutor e xornalista. Entre 1984 e 1985 intégrase no colectivo De Amor e Desamor, participando nas dúas publicacións colectivas do mesmo nome que verán a luz neses anos.

Tras gañar en 1992 o Concurso Nacional de Poesía O Facho, a súa obra ata entón espallada en revistas e publicacións colectivas é recollida no volume Poemas. 1981/1991. En 1985 e xa enfermo, publica Poesía última de amor e enfermidade. Morre na Coruña en 1996.

No ano 1997 publícase Poemas para unha Loia, que recolle os traballos da súa época madrileña, así como o ensaio Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia, que xa se dera a coñecer nas páxinas de Luzes de Galicia. Esta mesma revista publicará neste ano os oito primeiros capítulos da súa novela inconclusa, Náufragos do paradiso.

Compartir: