EDUCACIÓN

As obras gañadoras do Certame de Teatro Intercentros represéntanse no Principal

16/05/2011 O luns 16 de maio, ás 20:00 horas, terá lugar no Teatro Principal a representación da obra premiada na categoría de Educación Primaria do XVI Certame de Teatro Intercentros. O mércores 18 será a obra gañadora en Educación Secundaria a representada.

A obra seleccionada entre as presentadas por alumnos de Educación Primaria foi Romeo e Xulieta para nenos e nenas, do grupo "Sextoá" do CEIP Lamas de Abade. Ao finalizar a representación entregaranse os previos á mellor obra, ao mellora actor infantil e á mellor actriz.

Os grupos de teatro que participaron este ano na edición foron: grupo de teatro do colexio San Jorge; grupo "Sextoá" do CEIP Lamas de Abade; dous grupos de teatro do CEIP de Vite; grupo de teatro do CEIP López Ferreiro; grupo de teatro do CEIP Ramón Cabanillas e grupo de teatro do Colexio San Xosé de Cluny.

Secundaria
O mércores 18 de maio, á mesma hora, representarase a obra gañadora en Educación Secundaria: Animaliños, do grupo "Tantometén" do IES Antón Fraguas. Tamén ao finalizar a representación realizarase a entrega de premios, que correrá a cargo da concelleira de Educación, Mercedes Rosón.

Os participantes foron: grupo de teatro "Rosalía 1" do IES Rosalía de Castro; "Vai no dentista" do IES Xelmírez I; "Rosalía 3" do IES Rosalía de Castro; "Rosalía 2" do IES Rosalía de Castro; "Tantometén" do IES Antón Fraguas e grupo "Teatro Insoportable" do IES Eduardo Pondal.

O Certame de Teatro Intercentros pretende incorporar o feito teatral ao contorno sociocultural do escolar e da xuventude, deixando de ver o teatro coma un fenómeno estraño, illado da súa experiencia cotiá e realizado en circunstancias excepcionais. Tamén pretende crear novos espectadores e axudar aos nenos/as e aos mozos/as á descuberta das propias inquedanzas artísticas.

Compartir: