SEGURIDADE

Un simulacro de emerxencia puxo a proba os sistemas de seguridade do túnel do Hórreo

16/05/2011 Os Bombeiros de Santiago realizaron un simulacro de emerxencia no túnel do Hórreo, a dous días de que entre definitivamente en servizo. A proba serviu para comprobar o funcionamento dos sistemas de seguridade da infraestruturas e, sobre todo, para traballar a coordinación de efectivos de extinción de incendios, seguridade e sanidade ante unha posible continxencia.

O xefe dos Bombeiros, Xesús Martínez, explicou aos presentes paso por paso o simulacro, no que se atendeu un sinistro con tres vehículos afectados. Os Bombeiros, que entraron polo tubo oposto ao que ocorrera o accidente, tiveron que sufocar o incendio nun dos vehículos e excarcerar aos pasaxeiros atrapados nos vehículos.

Logo, os servizos sanitarios atenderon aos tres feridos, de distinta consideración. Neste caso, os servizos sanitarios accederon ao túnel por unha das saídas de emerxencia, situada en paralelo á explanada da estación do tren.

O simulacro durou aproximadamente unha media hora e, tal como destacou Xesús Martínez, permitiu seguir traballando na coordinación entre os diferentes efectivos e na reacción ante un tipo de sinistro coma este. Foi a última proba antes da apertura definitiva ao tráfico do túnel do Hórreo o mércores 18 de maio.

Compartir: