CULTURA

Gala de Clausura e entrega de premios de Curtocircuíto no Teatro Principal

13/05/2011 Coa Gala de Clausura do sábado 14 e, a continuación, a entrega de premios ás curtas gañadoras das distintas categorías a concurso na Sección Oficial, o Festival Internacional de Curtametraxes Curtocircuíto case chega ao seu fin. E case porque domingo haberá proxeccións fóra de concurso coas que si se poñerá punto e final a esta edición. Nestes días, os 19 membros dos xurados das diferentes categorías analizaron polo miúdo todas e cada unha das curtas que compiten, quedando pendentes as que se proxectan na xornada do venres.

A Gala de Clausura da Sección Oficial do Festival comezará ás 20:30 horas no Teatro Principal. Neste mesmo evento coñeceranse os autores gañadores de Curtocircuíto 2011. O acceso á Gala é a través das invitacións cursadas polos distintos medios –redes, correo postal, etc.-, mentres que a posterior proxección das curtas gañadoras, ás 22:30 da noite, terá entrada de balde ata completar aforo, para todos e todas cantas persoas desexen gozar de novo da alta calidade que se deu cita nesta oitava edición do Festival.

Club de Funk, festa de música negra. Café Concerto Retablo. Sábado 14. 22: 00 horas
Noite fundada hai máis de cinco anos por Pedro Tenreiro en Porto, o DJ Club de Funk, é a festa de música negra máis relevante e lonxeva de Portugal. Nestas intensas festas mensuais, Pedro Tenreiro e amigos viaxan polo universo da música negra norteamericana dos 60 e 70, especializándose nas máis pequenas e descoñecidas edicións independentes, rara vez distribuídas fóra do seu lugar de orixe, e a miúdo con soamente un sinxelo de sete polgadas gravado.

Nos seus máis de cinco anos, o club ten recibido visitas regulares dalgúns dos maiores especialistas mundiais do xénero. Keb Darge, Ian Wright, James Trouble, Gerald "Jazzman" Short, Fryer e Snowboy, entre outros, contribuíron a facelo medrar, para situalo ao nivel dalgunhas das festas europeas como Deep Funk e Soul Revolution en Londres, Motherfunk en Edimburgo, Club Function en Malmoe, Soul Sides en Helsinqui ou Oslo Soul Experience en Noruega. Actualmente, ten unha data mensual en Lisboa, no Club Ferroviário, ademais da súa cita semanal no Plano B de Porto. Na súa visita a Santiago de Compostela, nesta festa que pon o remate á Sección Oficial de Curtocircuíto, Pedro Tenreiro contará coa colaboración dun habitual nesas noites como Miguel Dias.

Proxeccións fóra da sección oficial
E para baixar a persiana do Festival no que atinxe á celebración do mesmo no mes de maio –lembremos que o Festival estende a súa programación con carácter lúdico ás noites do mes de agosto con Curtocircuíto na Rúa e o percorrido polas Escolas Galegas-, a organización escolleu unha sección allea á Oficial, como é We Can Be Heroes, na que se proxectarán ás 18:30 e ás 20:30 horas do domingo 15 todas as curtas que conforman esta sección. Dalgún xeito, está ligada no que á temática se refire á exposición que continúa aberta ao público ata o 26 de xuño na Zona "C" (San Domingos de Bonaval), coa mostra de máis de 30 orixinais de David Rubín, e que leva por título Un acto heroico.

Compartir: