CONSORCIO

Estrella Galicia asina o acordo polo que se converte nun dos patrocinadores do 800 Aniversario da Catedral de Santiago

13/05/2011 O presidente do Consorcio de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o conselleiro Delegado de Hijos de Rivera S. A., José María Rivera, asinaron o acordo polo cal a empresa pasa a ser patrocinadora do 800 Aniversario da Catedral de Santiago. Hijos de Rivera S. A. é produtora da coñecida cervexa Estrella Galicia.

Grazas a este acordo, Estrella Galicia colaborará nos diferentes actos programados con motivo da efeméride e no plan de obras de restauración que se realizarán na Catedral e que están contempladas no seu Plan Director. O oitavo centenario da Catedral de Santiago de Compostela é un evento recoñecido como de excepcional interese público polo Goberno de España e xestionado dende o Consorcio de Santiago, que lidera deste xeito o programa de apoio ao evento.

Este programa de apoio concrétase nunha serie e incentivos e bonificacións fiscais que se aplican ás empresas e entidades privadas que participan como patrocinadores no desenvolvemento da conmemoración, que xirará sobre dous eixes: o financiamento de obras de restauración contempladas no Plan Director da Catedral e unha programación cultural específica. Trátase polo tanto dun programa que aposta pola acción cultural no patrimonio.

Estrella Galicia
Estrella Galicia conta cunha xa centenaria traxectoria e ao longo destes anos constituíuse como unha empresa, non só ligada á industria cervexeira, senón que diversificou a súa actividade cara a outros produtos e servizos como son a auga mineral, a sidra, o viño ou o desenvolvemento de inmobles para hostalaría, a propia xestión de establecementos e o desenvolvemento de produtos e formatos.

Esta evolución levouse a cabo a través dunha forte aposta pola modernidade e a innovación, mantendo, iso si, o carácter propio que lle outorga manterse como unha empresa 100% familiar e galega, cun marcado arraigamento e compromiso coa terra da que proceden os seus produtos. Nos últimos anos, a compañía realizou un grande esforzo por consolidar a súa presenza nos lugares nos que xa estaba presente, así como por situarse en novos mercados. A súa expansión internacional está a alcanzar resultados moi positivos e as marcas da compañía xa están presentes en máis de 30 países de todo o mundo.

Na actualidade, a planta industrial de Estrella Galicia na Coruña, na que traballan máis de 350 persoas, envasa preto de 110 millóns de litros de cervexa anuais de todas as súas marcas. Estrella Galicia alcanza crecementos anuais moi significativos que superan a media do mercado cervexeiro en España.

Compartir: