TRANSPORTES

O servizo de transporte urbano de Santiago incorpora tres novos autobuses á súa flota

13/05/2011 O concelleiro de Transportes e Mobilidade, Carlos Nieves, presentou os tres novos autobuses do servizo de transporte urbano. Anunciou que de aquí a finais de ano se incorporarán outros tres, cos que serán 11 os autobuses incorporados en 2011, integrando así "unha das flotas máis novas de Galicia", composta a día de hoxe por 51 vehículos.

Estas tres unidades destacan polo seu moderno deseño exterior, máis adaptado aos novos tempos, e tamén polas solucións técnicas que incorporan. Teñen capacidade para 26 viaxeiros sentados e 65 de pé, ademais de espazo para unha cadeira de rodas.

Confiouse na empresa compostelá Castrosúa para a elaboración desta carrozaría, que ao igual que as últimas incorporacións, está especialmente adaptada ás características de Santiago, con algo máis de 10 metros de lonxitude. Entre os valores engadidos destas nova unidades destacan as súas modernas condicións de seguridade tanto para o condutor como para os usuarios, a súa accesibilidade e confort para os viaxeiros e o respecto ao medio ambiente.

Estes novos vehículos prestarán servizo nas principais liñas de transporte urbano, con especial atención a aquelas nas que segundo as súas relacións de mobilidade deban cubrir centros captadores e xeradores de usuarios con potenciais problemas de mobilidade. En concreto, o destino destes autobuses son as liñas 1 e 5 do transporte urbano.

Na actualidade, a rede de transporte urbano conta cun total de 24 liñas, das que 10 son urbanas, 6 son urbanas–circulares e 8 son urbano-periféricas. O número total de autobuses, contando con todos os operadores de transporte urbano, é de 51, cunha lonxitude media dos mesmos de 10,36 metros. Con esta flota transportouse no último ano a 7.482.693 viaxeiros, realizándose máis de 2.500.000 quilómetros.

A práctica totalidade dos vehículos contan con axeonllamento do autobús, o que facilita aos usuarios a súa entrada aos mesmos. Ademais, o 63 % da flota conta con rampla de acceso para a xente con mobilidade reducida.

Apoio ao Día das Letras Galegas
Ao igual que nos últimos anos, a empresa operadora TRALUSA, coa colaboración do Concello de Santiago – TUSSA, apoiará o día das Letras Galegas, dedicado este ano ao escritor Lois Pereiro. Por iso entregará aos usuarios que utilicen o transporte urbano os días 16 e 17 de maio pegatinas e marcapáxinas lembrando a figura do escritor homenaxeado.

Co Obradoiro
Unha vez máis, a Concellaría de Transportes e Mobilidade e a Sociedade Municipal de Xestión do Transporte Urbano (TUSSA), apoiará ao Blu:sens Monbus e recorda a todos os cidadáns que asistan aos dous próximos partidos que haberá servizo de transporte urbano. Tanto o venres coma o domingo haberá un servizo especial que sairá da rúa Ramón Piñeiro dende unha hora antes do partido ata o Multiusos Fontes do Sar, manténdose o servizo de regreso ao remate dos encontros.

Documentos relacionados



Compartir: