CULTURA

Sete concertos e unha aula aberta compoñen a segunda edición de "No Campo de Fóra"

12/05/2011 O Departamento de Centros Socioculturais, en colaboración con aCentral Folque, organiza a segunda edición do programa No Campo de Fóra, ciclo de actividades ao redor da música tradicional. Sete concertos e unha aula aberta completan un programa variado para todos os veciños e veciñas con actuacións únicas e presentacións de proxectos persoais. Serán actuacións de pequeno formato, duns 45 minutos, que se celebrarán en diversos sitios da cidade, sempre en relación cos CSC.

O elenco artístico de No Campo de Fóra está formado por profesorado e alumnado da Escola Livre da MPG, o presente consagrado do folque galego (Óscar Fernández, Pedro Pascual, Francisco Estévez, Edelmiro Fernández, Roberto Sala,..) e as novas promesas do século XXI. As actividades desenvolveranse durante os meses de maio e xuño. En concreto, en maio, teremos actuacións os días 15, 20, 21 e 28 e xa en xuño serán os días 4, 10, 11 e 18.

- Domingo 15 de maio. CSC Fontiñas. 18:00 h. Presentación do ciclo. Aula aberta de arrolos: Achegamento a dez nanas galegas cantadas por Ugia Pedreira, con explicación sociolóxica e práctica en grupo. Serán dez cantos de berce de autor e de composición propia coas que se fará unha análise antropolóxica e social sobre os valores expostos nos textos e nas melodías. Tratarase tamén o significado da voz e o seu poder emocional tanto no útero como nos primeiros anos de vida. No fin do curso os pais e nais compoñerán a súa propia canción de arrolo para cantárlla aos seus pequenos.

- Venres 20 de maio. Escalinata do Psiquiátrico de Conxo. 19:00 h. Só de Zanfona: Recital en acústico de composicións propias e temas reinterpretados da tradición musical galega e europea que dan outro sentido a este instrumento milenario e tan ligado ao Camiño. Óscar Fernández é a referencia galega no emprego da zanfona electroacústica e o gran renovador do instrumento en Galicia. Estará acompañado por Paulo Bernárdez, membro de Linho do Cuco e alumno avantaxado.

- Sábado 21 de maio. Parque LSC Pontepedriña. 20:00 h. Crisalia: Novo cuarteto de novos valores do folque en Compostela. Uns rapaces que veñen con moitas gañas para facer un repertorio popular e asequible: acordeón, frautas, percusión e violino.

- Sábado 28 de maio. LSC Lavacolla. 20:00 h. GTC: A nova tradición da gaita galega exemplificada nun dos intérpretes máis laureados de Galicia, Edelmiro Fernández, e un dos percusionistas máis respectados, Francisco Estévez, con parte do seu alumnado, a nova fornada da música tradicional.

- Sábado 4 de xuño. LSC A ROCHA. 20:00 h. Arquistas equilibristas: O instrumento que máis tarde se incorporou ao ensino da Escola Livre da MPG, violino, comeza a dar os seus froitos e esta será o primeiro concerto completo da aula. O novo mestre Gutier Álvarez, herdeiro das ensinanzas de Quim Fariha -Berrogüetto- conducirá o repertorio das tradicións galegas e europeas.

- Venres 10 de xuño. CSC Ensanche. 20:00 h. Voces Folque + Sancandia: Novos arranxos vocais para as cancións de sempre. O alumnado da aula de canto nun repertorio tradicional, aportacións persoais e cancións a coro. Sancandia: combo de alumnado das especialidades de Sanfona, Canto e Acordeón Diatónico, dirixido polos seus respectivos mestres: Óscar Fernández, Paulina Ceremuzynska e Pedro Pascual.

- Sábado 11 de xuño. CSC Vite. 20:00 h. Diatónicos: Pequena agrupación formada por alumnado de Pedro Pascual, mestre de acordeón diatónico da ELMPG. E concerto cos virtuosos Pedro Pascual (Marful, profesor de aCF), Carlos Quintá (Linho do Cuco, profesor da e-Trad) e Benxamín Otero (Linho do Cuco, profesor do Conservatorio de Lalín) cun repertorio de composicións propias e tradicionais con acordeón diatónicos, bouzouki e óboe.

- Sábado 18 de xuño. CSC Castiñeiriño. 12:30 h. RE5ª: Requintas e frautas da ELMPG, dirixe Roberto Sala. Grupo instrumental do alumnado da aula de requinta con apoio de outros instrumentos harmónicos e percusivos que destacan en contrapunto as cualidades do vento madeira das frautas traveseiras.

Documentos relacionados



Compartir: