CULTURA

A curta "Home Cobaia" gaña o Concurso de Escolas Galegas en Curtocircuíto

12/05/2011 As estudantes do Centro de Imaxe e Son de Vigo (EISV), Alejandra Días e Miriam Domínguez, foron as gañadoras do Premio da Competición Escolas Galegas, un concurso que se celebra por vez primeira no marco do programa do Festival Internacional de Curtametraxes, Curtocircuíto, organizado pola Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais. Na tarde do mércores proxectáronse as sete curtas a competición e, a última hora, celebrouse a votación, da que saíron gañadoras as autoras da curta Home Cobaia.

O premio recibido, un iPod 4, está patrocinado por ACME-Galicia, Centro de Estudios de Formación Audiovisual autorizado por Apple, que impartiu tamén unha charla formativa dentro da Presentación final no Programa do VI Mercado Internacional, sobre o Cut Studio. Solucións Apple para audiovisuais.

A curta gañadora foi realizada no 2010. É un documental de ficción, que dura 20 minutos. Basea a súa historia nun mozo estudante de medicina que se ve obrigado, para custear os seus estudos, a someterse a diversos experimentos de proba de novos medicamentos. Este documental amosa a outra cara da medicina, a profesión do home cobaia.

O premio foilles entregado polo director do Festival Curtocircuíto, Tim Redford, e o representante do Centro de Estudios Acme Galicia.

Compartir: