CULTURA

Máis de 2.500 persoas participaron xa nas proxeccións do programa de Curtocircuíto

11/05/2011 Continuando coa celebración do VI Mercado Internacional do Festival Internacional de Curtametraxes Curtocircuíto, que organiza a Concellería de Cultura e Centros Socioculturais, o xoves 12 e o venres 13 haberá un denso programa de proxeccións, no que se poderá ver unha das seccións fóra de concurso e que amosa a creación que, con formato de curta, se produce no audiovisual galego: Panorama Galicia. E tamén vídeos musicais internacionais.

Cúmprese o 20 aniversario dos Colectivos de Lesbianas, Gays, Bisexuais e Transxénero (LGBT), e Curtocircuíto non deixa pasar por alto este feito, dado que o compromiso social do mesmo é un dos piares da súa existencia. Amosar realidades a prol do avance social é unha tónica que tamén se dá na produción audiovisual, e por iso haberá en pantalla cinco curtas de distintas procedencias xeográficas, tanto galegas como do resto de España, e mesmo de Estados Unidos. A transgresión tamén é tida en conta polo Festival Curtocircuíto, e poderase comprobar o venres 13 coas proxeccións de Bonecas Inchables.

Polo demais, continúan as proxeccións de curtas que van a calquera das competicións da Semana Oficial, e proxectaranse curtas na sección We Can Be Heroes. Ademais, a exposición Un acto heroico, de David Rubín, continúa aberta na Zona C de Santiago de Compostela, en San Domingos de Bonaval, 1.

Xa para o tempo de lecer nas tardes-noites, o xoves 12 haberá Happy Hours no Garum; concerto Os Crebinsky na Sala Nasa, e sesión Party no pub Hervor e Fervor, onde terá tamén lugar o mesmo xoves unha sesión do Dj La Julita, de Santiago. E o venres 13, Happy Hours no Garum, Party no pub A Medusa e no Ultramarinos pinchará o compostelán Dj Lord Keison.

Panorama Galicia
As curtametraxes galegas están a deixar máis que nunca a súa pegada en festivais de todo o mundo. Curtocircuíto seleccionou unha mostra dos traballos máis impresionantes dos últimos dous anos, que chegan da man dos directores máis imaxinativos e prometedores do momento. Todas as curtas do panorama galego compiten tamén polo Premio Especial Galego (1.500 €).

Bonecas Inchables
Esta sección recolle o estrambótico, o grotesco e o retorcido; un programa deseñado para atraer aos espectadores máis curiosos que buscan curtas distintas e transgresoras, regadas cun toque de malicia e unha gran dose de humor.

Vídeos musicais
A maioría dos vídeos musicais son curtametraxes que ofrecen unha representación visual dunha canción e seguen a ser, agora máis ca nunca, un campo para a hibridación e a experimentación, malia que a maior parte dos artistas insisten en non considerar as súas creacións como traballos experimentais ou vídeos musicais, senón simplemente
como cine. E o cine tamén te pode facer bailar…

Direcciones relacionadas



Compartir: