CIDADE HISTÓRICA E MEDIO AMBIENTE

Presentadas as bases do Concurso de Balcóns da Cidade Histórica "Flores na cidade"

11/05/2011 As concellarías de Cidade Histórica e de Medio Ambiente abren o prazo para participar no III Concurso de Balcóns da Cidade Histórica Flores na cidade a través desta mesma web e de www.compostelaviva.org.

Santiago conta con dous atractivos importantes, como son os seus parques e xardíns, espazos vivos cambiantes coas estacións e con pequenas zonas de plantas herbáceas de tempada e, por outro, a cidade histórica, cidade patrimonio da Humanidade que é ademais unha cidade habitada, vivida, na que moitos dos veciños e das veciñas teñen un xardín no balcón ou na terraza, que pon unha nota de color na pedra granítica que domina os edificios da cidade histórica e contribúen a mellorar a súa calidade ambiental, segundo explicou a concelleira Olga Pedreira.

"Dende as Concellerías da Cidade Histórica e a de Medio Ambiente queremos apoiar e fomentar esta práctica, enriquecedora para a cidade e gratificante para quen a practica", sinalou Olga Pedreira, "e facémolo cun concurso, para que se saiba que dende o concello recoñecemos a súa contribución á mellora estética e da calidade socioambiental da cidade".

Ademais, Elvira Cienfuegos destacou que o concurso inclúe tamén este ano un premio do público, dotado con 75 euros. Haberá tres premios máis, dotados con 200, 100 e 50 euros, como en anos anteriores.

O prazo de inscrición no concurso vai do 18 ao 31 de maio. Poderase facer por correo electrónico, no Centro de Interpretación de Parques da Alameda ou na Oficina de Rehabilitación da Cidade Histórica, onde se poderán recoller os distintivos que haberá que colocar nos balcóns que concursen. O modelo de inscrición pode baixarse da web.

Así, do 6 ao 30 de xuño faranse as fotografías dos balcóns identificados co distintivo, do 1 ao 7de xullo estará aberto o prazo para emitir votos ao balcón seleccionado e entre o 4 e o 8 de xullo o xurado realizará a avaliación. Os premios entregaranse a mediados de xullo. A organización ocuparase de realizar as fotografías e de subilas á páxina web.

Curso de introdución ao cultivo de plantas
As principais novidades con respecto a anos anteriores son a organización dun curso de dúas horas de introdución ao cultivo de plantas e decoración de balcóns no Centro de Interpretación Ambiental de Compostela, situado en Belvís e aberto recentemente. As prazas son limitadas e atenderanse por orde de inscrición.

Neste sentido, as concelleiras animaron a todos os composteláns e compostelás a adornaren o balcón, para a súa propia gratificación e tamén para a veciñanza e as persoas que nos visitan, e a concursar. Tamén quixeron incentivar a participación no curso.

Compartir: