TURISMO

Sesenta e nove empresas compostelás recibirán a certificación de calidade turística

17/02/2006 A Mesa de Calidade Turística de Santiago, reunida o 17 de febreiro, aprobou os informes de auditoría que permitirán a 69 empresas turísticas compostelás obter os distintivos de calidade do SICTED que xa exhiben outros 37 estabelecementos da cidade.

O Sistema Integral de Calidade Turística en Destino (SICTED) é unha iniciativa a nivel nacional, avalada pola Secretaría Xeral de Turismo e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), que pretende elevar a calidade de todos os servizos turísticos das cidades a través da implantación dunha filosofía de traballo baseada na mellora continua .

A súa aplicación corresponde en Santiago á Mesa de Calidade Turística, presidida polo concelleiro de Turismo, Francisco Candela.

A xuntanza convocou ademais á coordinadora da área da Subdirección General de Calidade española, Teresa Gancedo, e aos 12 vocais procedentes de todos os sectores activos do turismo compostelán: María Elena Vázquez, vicerreitora de Estudantes e Relacións Institucionais da Universidade de Santiago de Compostela; Iñaki Gaztelumendi, xerente de Turismo de Santiago; Enrique Pérez, xefe de Xestión de Calidade de Turgalicia; Juan Silva e Manuel González, co-presidentes da Asociación de Hostalería de Santiago; Jesús Asorey, presidente da Cámara de Comercio Compostela; Benigno Miranda, presidente da Asociación Española de Axencias de Viaxes; Isabel Díaz-Robles, presidenta da Asociación Profesional de Informadores Turísticos; José Manuel Bello Rey e José Ángel Blanco, presidente e xerente de Compostela Monumental; Jaime Liñares, secretario de Acotés, Ricardo Rivas pola Asociación de Artesáns e Ourives e José María Bescansa polo Santiago de Compostela Convention Bureau.

A Mesa de Turismo avaliou nesta oportunidade os informes de auditoría de 69 profesionais e empresas que decidiron adherirse voluntariamente ao SICTED e puxeron en marcha o proceso de mellora necesario para a concesión do distintivo, que contempla o cumprimento de numerosos requirimentos en materia de organización, persoal, instalacións e equipamentos, recursos e provedores, comercialización, satisfacción do cliente, xestión mediambiental e riscos laborais, entre outros.

O listado de empresas que obteñen a certificación de calidade inclúe a 26 comercios, 15 hoteis, 11 guías turísticos, 7 restaurantes, 2 estabelecementos de turismo rural, 3 organizadores profesionais de congresos, 2 bares ou cafetarías. Os tres restantes son Turismo de Santiago, o Santiago de Compostela Convention Bureau e o Museo das Peregrinacións.

A aprobación das súas solicitudes supón o outorgamento dun diploma acreditativo e do distintivo do SICTED, que xa exhiben desde decembro do 2004 outros 37 estabelecementos da cidade.

2005: Énfase no sector comercio
O traballo desenvolto por Turismo de Santiago o pasado ano permitiu a captación dun total de 173 empresas dispostas a mellorar a calidade dos seus produtos e servizos coa aplicación dos métodos propostos polo SICTED. Delas, 37 foron certificadas en 2004 e 69 recibirán proximamente a súa acreditación, mentres que 67 continúan avanzando no proceso de mellora continua.

De acordo con Francisco Candela, ‘no 2005 experimentouse un forte aumento no número de comercios adheridos, que pasaron de 1 a 26, grazas á colaboración entre Turismo de Santiago e Compostela Monumental’.

Neste sentido, a implantación do SICTED coincidiu no tempo coa implantación doutro sistema de calidade baseado na norma ISO en comercios da zona monumental. Isto permitiu que moitos propietarios se decidisen a implantar os dous sistemas de forma simultánea. A colaboración con Compostela Monumental foi fundamental para cumprir algúns dos requisitos que se esixen en materia de información e sinalización (buzóns de suxestións, carteis indicativos da política de devolución e cambio de produtos e dos horarios de apertura e peche); e na organización de cursos de prevención de riscos laborais.

Ademais, algúns dos hoteis e restaurantes que obtiveron o distintivo SICTED en 2004, deron este ano un paso máis e están en proceso de implantación do sistema ‘Q’ de calidade turística que xestiona Turgalicia.

Previsións para 2006
O obxectivo principal de Turismo de Santiago para o 2006 é consolidar o traballo que se fixo cos establecementos xa adheridos da cidade, ‘na procura de que Santiago de Compostela sexa considerado como un destino de referencia nacional e internacional, debido á calidade dos seus servizos’, sinalou Candela.

Para iso, Turismo de Santiago manterá a colaboración con Compostela Monumental, co fin de implantar o SICTED en comercios que comezaron a traballar co sistema durante o 2005, pero que non conseguiron os requirimentos mínimos para poder optar ao distintivo durante ese ano.

Así mesmo, procurará aumentar o número de subsectores interesados no SICTED e o número de empresas dentro dalgúns dos subsectores cos que xa se traballa, con especial énfase na adhesión de máis axencias de viaxe, taxis, bares e cafetarías e restaurantes.

Compartir: