CONSORCIO

Sesenta establecementos ofrecerán 113 pequenos manxares na cuarta edición do concurso "Santiago(é)Tapas"

11/05/2011 Presentouse unha nova edición de Santiago(é)Tapas, o concurso de tapas de Santiago de Compostela, organizado promovida por Turismo de Santiago e a Asociación Hostalería Compostela. Neste ano 2011 celebra a súa cuarta edición, que terá lugar entre o 13 e o 29 de maio, enmarcada dentro do programa de actividades do 800 aniversario da consagración da Catedral. Participan 60 establecementos da cidade, que ofertan un total de 113 tapas. Todas elas teñen un prezo de dous euros.

O alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o concelleiro de Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentaron este certame, que se enmarca no "impulso á gastronomía" recollido no Plan Estratéxico da Cidade, segundo recordou o rexedor compostelán. Indicou que é "un elemento que suma en Santiago, onde temos un magnífico sentido da hospitalidade", destacando valores como "o calor humano, o produto natural de primeira calidade, e os coñecementos e últimos avances tecnolóxicos".

Este é o ano con maior número de participantes. No 2008 foron 45 estabelecementos, no 2009 chegaran a 50 e no 2010 alcanzáranse os 56. Nas edicións pasadas o concurso celebrábase a finais de xuño e comezos de xullo. Pero nesta ocasión adiántase ao mes de maio a petición da Asociación Hostalería Compostela.

O Tapasporte é o elemento distintivo de Santiago(é)Tapas. Facendo un xogo co Camiño de Santiago e as diferentes rutas do mesmo, o Tapasporte distribúe os establecementos participantes en cinco rutas gastronómicas ou (é)tapas: praza do Obradoiro, praza de Cervantes, praza de Galicia, praza Roxa e Camiño Francés.

Premios para o público
Cada vez que un participante consuma unha tapa nun establecemento do concurso, poranlle un cuño no cadro correspondente do seu Tapasporte. Haberá premios para todos os participantes que completen polo menos unha (é)tapa. Os premios aumentarán de valor en función das (é)tapas que completen. As persoas que completen as cinco rutas recibirán unha noite en calquera dos Paradores de España ou unha neveira cun lote de viños.

O participante poderá cualificar as tapas que consuma e o servizo de cada estabelecemento. Con todas as votacións determinaranse os Premios do Público. Ademais, entre todos os votantes sortearanse dous billetes de avión para calquera dos destinos europeos de Air Berlin. Os Tapasportes poderán recollerse dende o 12 de maio na oficina do concurso, situada na praza de Galicia, ou na propia oficina de Turismo de Santiago, na rúa do Vilar, 63. Tamén se poderá recoller nos propios establecementos participantes.

Gastrobingo
O Tapasporte inclúe tamén o Gastrobingo, un xogo que permite que os participantes intercambien as súas pegatinas. É unha tarxeta con 24 casiñas con logos diferentes. Cada vez que se consuma unha das bebidas oficiais do concurso xunto coa tapa do establecementos, recibirase unha pegatina, a modo de cromo. O obxectivo é cubrir as 24 casiñas da tarxeta.

As persoas que completen o Gastrobingo e a ruta do Gastrobingo (composta polos establecementos que contan coas bebidas oficiais) poderán escoller diferentes premios (que se repartirán ata esgotar as unidades previstas): un bono para a tempada 2011-2012 do Blu:sens Monbus Obradoiro, unha noite máis cea para dous no Pazo de Lestrove, unha noite máis cea para dous no Pazo de Aciveiro ou unha noite en AC Hoteles. Ademais, entrarán no sorteo dunha viaxe ao Caribe de sete días e nove noites para dúas persoas.

Tapasporte virtual e Tapasporte express
Este ano desenvolverase o Tapasporte virtual, unha aplicación para terminais móbiles para poder participar no concurso. Será unha aplicación que conterá a mesma información que o Tapasporte físico, pero ademais prestará os recursos propios destas novas tecnoloxías, como a xeolocalización de todos establecementos e das rutas ou (é)tapas. Os establecementos darán un código ás persoas que pidan unha tapa e teñan o Tapasporte virtual, que terá a mesma validez que o físico á hora de optar a premios. Así, coa aplicación de Turismo de Santiago e a aplicación específica de Santiago(é)Tapas, os usuarios terán no seu dispositivo acceso rápido e sinxelo a toda a información turística da cidade en xeral e do concurso en particular

Ademais, Santiago(é)Tapas contará co Tapasporte express para as persoas que visiten a cidade durante a celebración do concurso e, pese a non ter tempo para facer unha ruta completa, queiran participar no mesmo e recibir algún premio. Para completalo haberá que tomar polo menos unha tapa dun bar de cada unha das rutas e contar cun cuño do establecemento hoteleiro no que se aloxa na cidade.

Tapas para celíacos, vexetarianos, tapas doces e tapas do mar
Santiago(é)Tapas inclúe por segundo ano unha categoría de tapas para as persoas celíacas. Estas tapas foron validadas pola Asociación de Celíacos de Galicia. Son 12 tapas que se poden degustar en dez establecementos. As persoas que cubran esta ruta terán dereito ao mesmo premio que as persoas que completen unha ruta.

Ademais, inclúese unha categoría para persoas vexetarianas, composta por 16 tapas, outra categoría de tapas doces, e outra de tapas elaboradas con produtos do mar, que competirán nun premio específico outorgado polo xurado para a tapa que mellor maride coa Estrella Galicia Artesana, unha nova cervexa de Estrella Galicia, que ten a súa presentación oficial no marco do concurso.

Meubook (é)Tapas
Unha das principais innovacións desta edición é a posibilidade de que os participantes no concurso escriban o seu propio libro do seu paso por Santiago(é)Tapas, grazas á colaboración de Meubook. O libro, cunha maqueta estándar sinxela, poderá personalizarse ao gusto do usuario, coas súas fotos e os seus propios textos. O usuario recibirá sen ningún custo un exemplar do seu libro na súa casa. Para poder compoñer este libro hai que acceder á páxina de Meubook cun código, que se entregará a aquelas persoas que completen unha ruta do Tapasporte.

Ademais editarase unha libro do concurso, coas receitas de todas as tapas en galego, castelán e inglés, que será unha mostra do presente da gastronomía compostelá. Este libro contará coa súa versión en e-book. E, para aquelas persoas interesadas, poderanse editar versións personalizadas do mesmo.

(é)copas
Santiago(é)Tapas ábrese por segunda edición á noite compostelá. Entre as 23:00 e as 01:00 horas, diferentes pubs da asociación Cidade Vella ofrecerán unha serie de combinados especiais para os portadores do Tapasporte por un prezo de 3,5 euros. Deste xeito, tras as tapas, a cidade continúa amosando a súa oferta de ocio tanto aos propios composteláns como aos visitantes. Ademais, haberá exhibicións de Gin-Tonics, organizadas por Schweppes. Os lugares, datas e horarios das mesmas poden consultarse no Tapasporte.

Investigación da USC
Nesta edición do 2011 continuarase co proxecto de investigación do Grupo de Sistemas Intelixentes (GSI) da Universidade de Santiago, que xa se iniciou no 2010 e que ten por obxecto definir un sistema de recomendación de tapas, bares e rutas gastronómicas. A idea é que un algoritmo faga suxestións gastronómicas en base ás características persoais dos individuos e tamén das experiencias de outras persoas con gustos similares.

Para a investigación precísase unha serie de voluntarios, que nos primeiros días do concurso participarán no mesmo coma calquera outra persoa. Nos últimos días terán que probar cinco tapas que se lles recomendarán dende o GSI, para testar a eficacia do sistema de recomendación. Os voluntarios tomarán gratuitamente estas cinco tapas recomendadas. Os interesados en participar, poden rexistrase a través de www.santiagoetapas.com.

Premios do xurado e do público
Santiago(é)Tapas contará cun xurado composto por xornalistas gastronómicos e profesionais do sector, que probarán as tapas nos diferentes establecementos sen anunciar previamente a súa presenza nin darse a coñecer. Outorgarán os seguintes premios:
• Premio á Mellor Tapa, dotado con 2.500 euros, unha viaxe para dúas persoas a Praga e unha inserción publicitaria na revista Culturall.
• Premio á Segunda Mellor Tapa, dotado con 1.500 euros.
• Premio á Terceira Mellor Tapa, dotado con 1.000 euros.
• Premio á Tapa que mellor maride con Estrella Artesana, dotado con 1.200 euros en produto de Estrella Galicia.

Ademais, o público escollerá coas súas votacións o gañador de dous premios diferentes:
• Premio á Mellor Tapa do Público, dotado con 1.000 euros.
• Premio (é)xcelente, a calidade no servizo prestado polo estabelecemento, dotado con 500 euros.

Ademais do alcalde e do concelleiro de Turismo, participaron na rolda de prensa os presidentes da Asociación Hostelería Compostela, José Antonio Liñares e Jesús Sordo; o responsable de Trade Marketing de Estrella Galicia, Manel Pérez Piñón; e o cociñeiro Pepe Solla.

Direcciones relacionadas



Compartir: