PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Xornadas pola visibilidade da muller na produción cultural galega actual

10/05/2011 A Concellería de Participación Cidadá colabora en Que ves cando me ves?, unhas xornadas pola visibilidade da muller na produción cultural galega actual e a reflexión crítica da cidadanía. Desenvólvense do 11 de maio ao 30 de xuño de 2011.

Estas xornadas pretenden reunir en poucos días o maior número posible de axentes activas na produción cultural galega, para coñecerse, combinar esforzos e recursos para impulsar un proxecto aberto, que sirva para tecer rede, conceptualizar de maneira colectiva, relacionar proxectos e coordinar axendas compartidas para o futuro.

Esta primeira edición defínese como unha práctica aberta, un pequeno acontecemento en permanente construción, autorreflexivo, que admite e favorece a diversidade de axentes e producións culturais. Entre as actividades inclúense intervencións artísticas na rúa, exposicións, actividades recreativas e presentacións teóricas e debates abertos ao público (fisicamente e na rede), entre outras.

Exposición sobre o papel da muller no rural
No marco do proxecto, que culminará cun encontro na praza Roxa o 18 de xuño, preparáronse dúas actividades para o mes de maio. O primeiro é unha exposición fotográfica, que estará na Casa das Asociacións do 11 ao 31 de maio. Titúlase Contribución da muller ao desenvolvemento rural sostible.

A mostra rescata as achegas das mulleres rurais de Galicia, diversidade de rostros de cidadás anónimas en primerísimos planos, detalles da realización de artesanías e instantáneas que nos achegan ao mundo do traballo rural.

Pertencen aos fondos de FADEMUR Galicia e foron realizadas e expostas no marco do proxecto ECOMUDES Muller, Medio ambiente e Desenvolvemento Rural en Galicia, cofinanciado polo Fondo Social Europeo coa colaboración de Unións Agrarias.

Intervención artística en espazos públicos
A segunda actividade é unha intervención artística en espazos públicos e internet denominada MullerExpress (Me), a cargo de María Chenut e Branda. A primeira destas intervencións realizarase o mércores 11 de maio, de 17:00 a 19:00 horas en Cervantes e de 19:30 a 20.30 horas na Casa das Asociacións. No mes de xuño haberá novas convocatorias.

O que encarna á muller do 2011 é a súa complexidade. É unha muller multitarea, ocupada non só cos roles e tarefas tradicionais como as de limpar, cociñar, criar aos fillos, plantar, senón que á vez está presente nos ámbitos profesionais. A muller, hoxe, é unha "action figure", símbolo de acción e fai malabarismos física e psiquicamente para poder atender de maneira áxil as distintas frontes de acción. A MullerExpress rende homenaxe a estas mulleres e confírelles o súper poder para levar a cabo o seu propio destino.

A figura estará pintada polo artista Branda sobre un panel de madeira sobre rodas e os elementos de atrezo pintados sobre tea para ser recortados e cosidos a modo de lixeiros obxectos- coxín, cun velcro para axustalos á cesta da MullerExpress.

Cada protagonista auto-representarase preparando a súa cesta, elixindo os elementos simbólicos cos que se identifica: un paraugas, un biberón, unhas katiuskas, un biquini, unha carteira de ordenador, un libro, un instrumento, unha planta, un bolso, un teléfono, unha fregona, un rosario… Colocará os manguitos de tea, inserirá a cabeza no recorte, e "click", retratada de MullerExpress.

Esta colección de fotografías publicarase a diario na web do evento, no Facebook e Flickr, podendo ser obxecto dun libro recompilatorio a modo de retrato- autorretrato colectivo.

O carro de batalla móbil desprazarase pola cidade antes e durante o evento central na Praza Roxa, convidando o público a participar dun modo lúdico e reflexivo acerca dos roles encarnados polas mulleres, servindo á súa vez de reclamo suxestivo, xa que se distribuirán folletos coa programación das xornadas.

O equipo
María Chenut é artista plástica e bailarina de formación e traballa con varias compañías de teatro, danza e circo de Galicia deseñando e realizando vestiario e atrezo. Fundou e co-organizou durante tres anos o Roteiro de Creación, evento que abre os espazos de creación e exposición artística de Santiago de Compostela a visitas do público. Imparte talleres de customización de roupa e participa como actriz no espectáculo Arrieir@s, de Os Quinquillans.

Branda (Óscar Brandariz) pinta cun estilo fresco e humorístico con cores vivas a toda clase de mulleres e homes en situacións do día a día, tanto urbanas como rurais. Vive e traballa en Coruña, e expón desde 1998 por toda Galicia, así como recentemente no Centro Cultural La Boca de Madrid.

Direcciones relacionadas



Compartir: