BENESTAR SOCIAL

Benestar Social prepara unha escola de verán no ámbito do Urbana Santiago Norte

10/05/2011 A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Mar Martín, anunciou que un dos proxectos que o seu departamento ten en marcha no marco do programa Urbana Santiago Norte é a creación dunha escola de verán dirixida aos máis novos deste ámbito de actuación. Ademais, potenciarase o Programa de Educación de Rúa, neste caso insistindo no intercambio xeracional entre mozos e maiores.

Esta escola de verán, segundo Mar Martín, terá un dobre obxectivo: quitar aos rapaces da rúa e realizar formación. Haberá obradoiros e diversas actividades lúdicas, que se configurarán en función da demanda. Aínda non está decidida a data de comezo da escola, que dependerá doutras actividades programadas na zona, co fin de non coincidir.

Tamén se vai a seguir traballando durante os meses de verán no Programa de Educación de Rúa. Preténdese implicar aos colectivos de persoas maiores, para propiciar un intercambio interxeracional. Nesta liña, estase a elaborar un documental, que provisionalmente leva como título A educación hoxe, onte e antonte. Segundo explicou o responsable do filme, "retratará esta unión xeracional co fío condutor da educación, trazando comparativas entre o ensino de antes e o de agora".

A concelleira aproveitou tamén esta rolda de prensa para facer balance do labor realizado polo Equipo de Dinamización Social do Urbana Santiago Norte. Recordou que este traballo arrincou co estudo das necesidades da zona, presentando o Equipo a todas as entidades e asociacións da zona "para que coñeceran o que se ía facer e para que, sobre todo, formularan as súas demandas".

Un dos modos escollidos para canalizar estas demandas e esta información é o servizo Infórma-T, que "axiliza todos os trámites relacionados coa área de Benestar Social", dixo. A edil quixo insistir en dar a coñecer este servizo –que funciona nos centros socioculturais de Vite e da Trisca e na Casa das Asociacións de Benestar Social (CABES), pois ata o momento foi utilizada por poucos usuarios.

Convivencia veciñal en Salgueiriños
Un dos proxectos nos que fixo especial fincapé Mar Martín foi o relacionado coas novas vivendas sociais de Salgueiriños, co obxectivo de "integrar a estes novos veciños no barrio, realizando un labor de prevención de futuros conflitos, á vista de algunha queixa que xa tiña xurdido".

A coordinadora do Equipo de Dinamización Social, María Jesús Taboada, recordou que nunha primeira fase se realizaran visitas domiciliarias a todos os novos adxudicatarios. Logo, realizáronse obradoiros para "informar aos veciños respecto das súas demandas e para fomentar a convivencia veciñal", apuntou. Mostrouse satisfeita co resultado, reflectido nos cuestionarios entregados ao final das sesións e na alta participación, xa que participaron 34 persoas (son 54 as novas vivendas sociais adxudicadas). Ademais, funcionou un servizo de atención á infancia durante os obradoiros, que atendeu a 15 menores.

Destes obradoiros saíu tamén a disposición dos veciños a seguir traballando en cuestións como as normas de convivencia. Mesmo manifestaron a súa idea de crear unha asociación veciñal a través da que canalizar outras actividades.

Do traballo realizado, a edil tamén destacou as visitas domiciliarias a persoas maiores en situación de vulnerabilidade. Así, fixo un chamamento aos veciños de Compostela que "coñezan unha persoa que viva soa ou que non teña recursos" para que o poñan en coñecemento da área de Benestar Social. Finalmente, referiuse ao labor de "integración sociolaboral" que se realiza cos máis novos, co fin de evitar o abandono escolar.

Compartir: