CULTURA

Curtocircuíto celebra o VI Mercado Internacional de Curtametraxes

09/05/2011 O martes 10 comeza o VI Mercado Internacional de Curtametraxes dentro do programa do Festival Internacional de Curtametraxes Curtocircuíto, organizado pola Concellería de Cultura e Centros Socioculturais. Son 174 as credenciais tramitadas, das que a meirande parte corresponde a empresas produtoras de curtametraxes, distribuidoras, compradores, profesionais autónomos, prensa e un amplo número de estudantes. Unha videoteca no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) será a sé na que se desenvolva esta actividade.

Por sexto ano consecutivo, Curtocircuíto organiza este Mercado Internacional de Curtametraxes. Dende o Festival enténdese este Mercado como un marco inmellorable para facer posibles os encontros entre os profesionais no eido das curtametraxes. O Mercado articúlase en torno á videoteca, este ano tamén no CGAC, onde os compradores, programadores e distribuidores poderán gozar das 3.081 curtas inscritas. Este é, á súa vez, o espazo físico onde os profesionais adoitan reunirse durante o Festival.

No marco do Mercado, Curtocircuíto organiza un obradoiro, unha clase maxistral, mesas redondas, unha sesión de pitching e tamén haberá tempo de lecer para os e as profesionais que se dan cita nestas datas na capital galega, como as happy hours ou punto de encontro no Café Garum cada día do mercado ás 20:00 horas, onde os profesionais terán unha cita máis informal.

Case 200 rapaces e rapazas no Encontro dos Centros Audiovisuais de Galicia
Curtocircuíto presenta para esta VIII edición e dentro da súa Semana Oficial un día no que os profesionais acreditados no Festival e as escolas e facultades de audiovisual en Galicia poderán interactuar e compartir experiencias. Ofréceselles unha serie de actividades ás que asistirán as persoas inscritas e organízanse actividades formativas e de participación activa. Ademais, proxectaranse curtametraxes realizadas por estudantes de centros prestixiosos de fóra de Galicia. E, como colofón, proxectarase unha pequena mostra dos traballos realizados polos centros asistentes, aos que un xurado especializado premiará cun agasallo para o mellor deles.

O día 11, case 200 rapaces de tódolos centros de ensino galegos achegaranse tamén ó CGAC para participar neste Encontro de Centros de Ensino Audiovisual de Galicia. Un Encontro cun denso e didáctico programa, no que o Centro ACME Galicia –Centro de formación autorizado Apple, especializado en impartir cursos de Mac-, levará a cabo a Presentación Final Cut Estudo: solucións Apple para audiovisuais. Pero antes, ás 12:30 horas, os asistentes poderán gozar e aprender coa clase maxistral –masterclass- que ofrece o director e animador británico Phil Mulloy, membro tamén do xurado internacional en Curtocircuíto.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: