BENESTAR SOCIAL

O Concello destina 70.000 euros a bolsas de comedor escolar para o curso 2011-2012

09/05/2011 A Concellería de Benestar Social e Igualdade destinará 70.000 euros á concesión de bolsas de comedor escolar no curso 2011-2012. A convocatoria estará aberta ata o 20 de maio e permitirá a aquelas familias con especiais necesidades acceder a bolsas de importe fixo de 80 euros ao mes.

As características desta convocatoria foron explicadas en rolda de prensa pola concelleira de Benestar Social, Mar Martín. Indicou que o obxectivo destas bolsas de comedor e atender as necesidades básicas de nutrición dos nenos do segundo ciclo de educación infantil ou de primaria, e tamén favorecer a asistencia ao colexio de determinados colectivos. Poderán ser beneficiarias as unidades familiares empadroadas en Santiago e cuxos fillos estean escolarizados en centros públicos ou concertados.

A novidade da convocatoria deste curso é que se outorgará unha bolsa fixa de 80 euros ao mes. Anteriormente, apuntou, "subvencionábase un 85% do importe do comedor, pero isto orixinaba distorsións, porque os prezos dos comedores variaban dun ao outro". Considerou este sistema "mais ecuánime" e expresou o seu convencemento de que así serán máis as bolsas outorgadas, superando as aproximadamente 100 do curso 2010-2011.

Estas bolsas concederanse ata esgotar o orzamento de 70.000 euros. "Iso non quere dicir que se detectamos unha situación de necesidade non vaia a ser cuberta a través das axudas de emerxencia social", aclarou.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: