BENESTAR SOCIAL

O Servizo de Atención Domiciliaria á Infancia realizará tamén tarefas de intervención familiar

09/05/2011 A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Mar Martín, deu conta da licitación por 50.000 euros do Servizo de Atención Domiciliaria e Comunitaria á Infancia. O coñecido popularmente como servizo de canguros, incorporará a partir de agora outra función de intervención familiar, abordando aspectos socioeducativos.

Recordou Mar Martín que este servizo ten como obxectivos xerais facilitar o acceso ao traballo, á formación e á participación social das persoas a cuxo cargo se atopen menores; proporcionar solucións rápidas e puntuais ás situacións familiares de necesidade; e promover hábitos educativos que habiliten á realización das actividades de vida diaria.

En particular, a concelleira destacou a nova modalidade de atención familiar que se cubrirá con este servizo, tal como aparece recollido no seu regulamento. Este realizarase no enderezo particular do solicitante e inclúe accións diversas, como axudar para comer, realizar tarefas de aseo ou hixiene, dispensar coidados en caso de enfermidade, planificar actividades de lecer ou calquera outra tarefa relacionada co benestar do menor. Mar Martín referiuse ao compoñente socioeducativo desta atención, que se traducirá en ocasións en "ensinar a algunhas familias como manexar e atender un pequeno".

Ademais da atención domiciliaria, tamén se mantén a atención colectiva, para o coidado de menores cuxos proxenitores participen nunha actividade organizada, a solicitude do promotor da mesma.

Cómpre lembrar que poden acceder ao Servizo de Atención Domiciliaria as persoas en cuxa unidade de convivencia existan menores ao seu cargo e se dean unha serie de factores económicos, laborais, educativos, familiares e sociais que serán avaliados polo Concello.

O servizo de atención familiar prestarase de luns a venres de 7:30 a 22:00 horas, ao longo de todo o ano e fóra do horario escolar. O servizo de atención colectiva prestarase os días laborais, en horario de 15:00 a 22:00 horas e, excepcionalmente, domingos e festivos segundo a dispoñibilidade.

Compartir: