EDUCACIÓN

"Coñecer as Cidades Patrimonio", unha experiencia de aprendizaxe e convivencia para 15 escolares do IES Rosalía de Castro

09/05/2011 Xá están de volta en Santiago os 15 alumnos e alumnas de 2º de ESO do IES Rosalía de Castro que representaron á cidade na décima edición do programa Coñecer as Cidades Patrimonio. Primeiro en Ávila e logo en Toledo, cidade organizadora nesta convocatoria, os escolares viviron unha experiencia que cualificaron como única.

Sete destes quince escolares acompañaron ás súas mestras, Milvia Varela e Pilar Fernández, e á concelleira de Educación, Mercedes Rosón, nunha rolda de prensa na que falaron da súa experiencia neste programa. Sobre esa, a edil indicou que serviu para que "os nosos escolares tomen conciencia do valor que supón Santiago como Cidade Patrimonio e do que iso significa, ademais de achegarse ao resto de Cidades Patrimonio".

Un dos alumnos, Pablo, en representación dos seus compañeiros e compañeiras, explicou que o traballo e as viaxes a Ávila e Toledo foi unha experiencia de "aprendizaxe" que lles permitiu "apreciar a riqueza das Cidades Patrimonio" e tamén traballar na "convivencia". Destacou igualmente o recibimento nestas dúas vilas.

Unha das mestras que dirixiu o traballo, Milvia Varela, recordou o prolixo labor de recollida de información que realizaron os alumnos, e as actividades vinculadas ao proxecto, centrado nesta ocasión na auga, con visita á estación depuradora ou charlas de técnicos e Aquagest, ademais da creación dun blog ou representacións. Pola súa parte, a outra directora do proxecto compostelán, Pilar Fernández, salientou o traballo interdisciplinar realizado e a parte lúdica.

Cómpre recordar que o traballo seleccionado en Santiago e realizado polos alumnos do IES Rosalía de Castro levaba como título A auga nas cidades patrimonio: Ávila. O grupo gañador desta cidade estivo en Compostela os días 27, 28 e 29 de abril participando nun amplo programa de visitas didácticas organizadas pola Concellería de Educación.

Logo, o grupo compostelán viaxou a Avila os días 1, 2 e 3 de maio e, do 4 ao 6 de maio, participaron no encontro final co resto dos grupos de cidades patrimonio en Toledo.

Edición 2011-2012
Rematada esta edición, ponse en marcha a undécima para o curso 2011-2012. Nesta ocasión, a cidade de Santiago estará emparellada con Alcalá de Henares. A cidade organizadora será Mérida e o tema común será a influencia das culturas nas Cidades Patrimonio.

Compartir: