CULTURA

Curtocircuíto proxecta 44 curtametraxes o domingo e 46 o luns día 9

07/05/2011 Con 43 curtas o domingo día 8 e con 46 o luns día 9, continúa a programación da VIII edición do Festival Internacional de Curtametraxes Curtocircuíto, que organiza a Concellería de Cultura e Centros Socioculturais.

A medida que avanza o programa, son máis os contidos que abordan temáticas sociais, como neste caso é a falta de auga no planeta, centrada nos países pobres, e que Curtocircuíto pretende poñer de manifesto para contribuír á concienciación da sociedade. O programa A Cor da Auga quere amosar esta problemática relación que os humanos temos co noso contorno natural, así como a importancia de coidarmos o noso medio. Porque todos e todas podemos contribuír a mudar o estado actual.

Becoming... Fesser
Javier Fesser é, sen dúbida, un dos nomes de máis actualidade no panorama cinematográfico español, dado o éxito da súa última película Camino. Mais non sería xusto pensar que este director xurdiu da nada, pois conta cunha sólida carreira tras de si e é un dos creadores máis persoais do cine español recente.

Formouse no mundo da publicidade e colaborou co mítico dúo radiofónico Gomaespuma, co seu irmán Guillermo Fesser, unha das metades da parella humorística, e con Luis Cano. Con eles comparte o seu sentido do humor surrealista, que se pode apreciar nos seus traballos publicitarios, na súa primeira curtametraxe, Aquel ritmillo, co marabilloso Luis Ciges, e na súa obra mestra do absurdo, El Secdleto de la tlompeta, ambas dirixidas en 1995. Recentemente Javier Fesser produciu traballos máis serios, como Binta y la gran idea (2004), curta nominada a un Oscar que amosa a seu lado solidario. De Javier Fesser, veremos tres curtas o domingo día 8.

Público Novo
Esta sección –xa fóra de concurso- é unha escolma dos mellores traballos dirixidos a nenos e adolescentes, un programa que pretende estimular e formar a sensibilidade audiovisual dos máis cativos e dentro da etapa adolescente. Distínguense as proxeccións en dous tramos de idade: de 6 a 11 anos, de 11 a 14, e de 14 a 18.

Por outra banda, as curtas que veremos dentro da Sección Oficial compiten nos concursos de Internacional, Explora e Compostelae, un total de 58 curtas nos dous días: 26 o domingo e 32 o luns día 9.

Horas felices con DJ nas noites
O tempo de lecer entregarase á música unha vez máis, con distintos DJ. Deste xeito, o domingo a sesión party será no pub Paraíso Perdido ás 11 da noite, e o luns á mesma hora, no pub Modus Vivendi, un dos espazos máis veteranos da noite compostelá.

Votacións
Cómpre lembrar que o público asistente ás proxeccións das curtas que compiten, pode votar ás súas favoritas ao remate de cada sesión, para así decidir o gañador ou gañadora do Premio do Público, establecido nas Bases do Festival Internacional de Curtametraxes, Curtocircuíto.

Documentos relacionados



Compartir: