CULTURA

Chega a Sons da Diversidade a gran diva grega Eleftheria Arvanitaki

06/05/2011 O sábado 7 hai unha nova cita con Sons da Diversidade, ciclo organizado pola Concellaría de Cultura. Será a partir das 21:00 horas da man da gran diva grega Eleftheria Arvanitaki, que presenta Mírame, un disco de raíz co sabor do mediterráneo en todos e cada un dos seus temas. As entradas xa están á venda na web de Caixa Galicia e no despacho de billetes do Auditorio de Galicia. O prezo é de 20 euros, con descontos do 50% para menores de 25 anos e persoas xubiladas.

Na música grega contemporánea sobresae un nome propio: Eleftheria Arvanitaki. Leva máis dunha década percorrendo os escenarios de toda Europa para emocionar a crítica e o público coa súa enerxía en directo. Válese para iso dunha voz clara e profunda, acompañada sempre de sofisticadas instrumentacións. En Mírame, o seu último álbum de estudio, parte de Grecia para facer un percorrido musical polas culturas do Mediterráneo, no que teñen cabida aires flamencos e árabes.

Eleftheria Arvanitaki xogou na década dos oitenta un papel importante na recuperación da música rebética, o equivalente helénico do tango e o fado. En 1985 comezou a súa carreira en solitario, para consolidarse en pouco tempo como a voz máis recoñecida de Grecia. Primeiro dentro do seu país, grazas ás súa calidade vocal e á capacidade para combinar música tradicional e contemporánea en concertos memorables. En 1998 deuse a coñecer internacionalmente da man do mítico selo de jazz Verve. Dende entón goza dun prestixio crecente ao que contribuíu unha concepción aberta da música que se amosa nas súas colaboracións con artistas como Cesária Évora, Carlos Núñez, Ismaël Lô ou Concha Buika.

Mírame é o disco máis internacional da cantante grega, no que incluso se atreve coa salsa e a copla. Producido por Javier Limón, o álbum mantén un equilibrio fráxil entre raíz e evolución en temas nos que se sente o aroma de todas as ribeiras mediterráneas. O propio Javier Limón ficou abraiado pola súa expresividade: "A voz de Eleftheria, como se da auga do Mediterráneo se tratase, une todas estas culturas. Unha voz limpa, profunda e sabia".

Sétima cita da tempada
Sons da Diversidade é un ciclo de concertos que chega a súa oitava edición como unha referencia da programación cultural do país. Sons é unha vía de achegamento ás diferentes culturas do mundo a través da súa música. A tempada 2010-2011 abriuna Berrogüetto, seguido de Lokua Kanza, Carmen Linares, Mari Boine, Ana Moura e Hindi Zahra. Despois de Eleftheria Arvanitaki pasarán polo Auditorio de Galicia Ana Belén e Rosa Torres-Pardo.

Compartir: