EDUCACIÓN

A mostra "Un mundo de posibilidades" ofrece unha ollada ao traballo artístico desenvolvido nas escolas infantís

06/05/2011 Inaugurouse a exposición Un mundo de posibilidades na Fundación Gonzalo Torrente Ballester (rúa do Vilar, 13). Trátase dunha mostra colectiva froito do proxecto de arte na Rede Municipal de Escolas Infantís, promovido pola Concellería de Educación en colaboración co artista plástico Xesús Carballido.

O acto estivo presidido pola concelleira de Educación, Mercedes Rosón, e contou tamén coa participación do xerente da Fundación Torrente Ballester, Miguel Fernández; do artista plástico Xesús Carballido; e do equipo directivo das escolas infantís. Ademais, asistiron todos os nenos e nenas e familias que tomaron parte na primeira mostra colectiva.

As escolas infantís 0-3 de Tambre, Conxo, Fontiñas e San Roque, coordinadas polo Departamento de Educación do Concello de Santiago, son as protagonistas desta primeira exposición colectiva. Recolle o traballo realizado ao longo do curso escolar 2010-2011 coa colaboración do artista plástico Xesús Carballido, que empregou a técnica do collage obxectual para introducir os nenos e nenas no mundo da arte, de maneira amena e divertida, contribuíndo ao desenvolvemento harmónico da súa personalidade, así como a sentar as bases que axuden a desenvolver a súa sensibilidade artística.

Unha das experiencias máis recordadas deste proxecto de arte foi a realización da primeira edición, desenvolvida ao longo do ano 2007 na Escola Infantil Municipal de Conxo, na que participara un grupo de nenos e nenas de entre 3 e 6 anos do obradoiro de arte. Neste ano 2011, a Rede de Escolas Infantís de Santiago renova o seu compromiso co traballo creativo dos máis pequenos.

A mostra divídese en catro ámbitos, nos que se ofrece ao visitante unha ollada ao traballo artístico que se desenvolveu nas escolas infantís e ás sensacións e emocións que xurdiron neste proxecto. No primeiro, atopamos as catro caixas que constitúen a parte máis importante da exposición e que recollen unha selección dos obxectos máis significativos na vida dos nenos e das familias participantes neste proxecto.

A continuación, divísanse os obxectos non seleccionados pero que forman parte da exposición (Xesús Carballido é un magnifico recuperador de obxectos aos que o tempo deixa sen función e, polo tanto, sen sentido). A terceira parte, a das proxeccións, dota de movemento á exposición, recollendo as imaxes cotiás do traballo realizado. Finalmente, a selección fotográfica amosa as fases máis importantes desta iniciativa de creación.

A exposición poderase visitar de balde de martes a domingo, entre as 11:00 e as 14:00 e entre 17:00 e as 20:30 horas. Haberá tamén un programa de visitas guiadas, que se poderán solicitar no Departamento de Educación: 981 554 400/401 ou dptoeducacion@santiagodecompostela.gal.

Compartir: