INFRAESTRUTURAS

Seiscentos mil euros para unha senda peonil en Son, a reurbanización do entorno do CSC de Marrozos e o vieiro Ponte Albar-Grixoa

06/05/2011 O concelleiro de Obras e Infraestruturas, Bernardino Rama, presentou os proxectos de tres obras no rural que sairán a licitación nos vindeiros días e que supoñen un investimento total de 609.424 euros. Trátase dunha senda peonil que unirá o polígono do Tambre e Son de Abaixo, da reurbanización do entorno do centro sociocultural de Marrocos e do vieiro entre Ponte Albar e Grixoa.

Unha senda peonil unirá o polígono do Tambre (a partir da parte onde rematan as beirarrúas) con Son de Abaixo pola marxe dereita. Esta senda terá un ancho de dous metros e é posible realizala tras chegar a acordos cos veciños para a cesión de terreos. A obra, que tamén se aproveitará para canalizar a rede de pluviais, ten un custo de 296.824 euros.

Praza, zona axardinada e sendeiro en Marrozos
Por outra parte, o entorno do Centro Sociocultural de Marrozos será reurbanizado. Construirase unha praza e unha zona axardinada a carón da igrexa, que quedará conectada co Centro a través dun sendeiro de formigón. O Concello atende así unha vella demanda dos veciños desta parroquia, co obxectivo de que a remodelación estea xa lista para as festas patronais deste verán.

Vaise actuar sobre unha superficie de 1.820 metros cadrados. A actuación permitirá tamén soterrar o cableado. O investimento alcanza os 133.860 euros.

Asfaltado entre Ponte Albar e Grixoa
Finalmente, o concelleiro expresou a súa confianza en que no mes de xullo estea rematada a pavimentación da estrada entre Ponte Albar e Grixoa. Recordou que no seu día se asfaltara o tramo entre Son e Grixoa. Agora dáselle continuidade coa colocación de aglomerado en quente nunha vía que terá un ancho de 5,50 metros. A obra custará 179.600 euros.

En paralelo, indicou Rama, a Concellería de Medio Ambiente acometerá as canalizacións de auga neste mesmo tramo.

Compartir: