CONSORCIO

A beleza da Catedral en 123 fotografías

05/05/2011 Con motivo do 800 Aniversario da consagración da Catedral de Santiago o Consorcio de Santiago decidiu traballar na elaboración dun libro conmemorativo que puxese en valor a enorme riqueza artística e histórica da Catedral de Santiago a través dunha escolma de textos divulgativos e unha ampla reportaxe fotográfica. Así naceu A Catedral de Santiago. Beleza e misterio, editado por Lunwerg Ediciones e con fotografías de Domi Mora, un dos mellores fotógrafos españois, especializado en traballos relacionados con patrimonio histórico. A publicación foi presentada no Pazo de Xelmírez nun ao que asistiron, entre outros, o alcalde e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o conselleiro de Cultura, Roberto Varela.

A cámara de Domi Mora realiza un percorrido físico pola Catedral revelando novas perspectivas e imaxes que a miúdo escapan ao ollo humano. O libro convértese así nunha nova maneira de comprender o significado arquitectónico da Catedral, fundamental para chegar ao seu significado espiritual.

A parte literaria do libro, prologado polo presidente do Consorcio de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o Deán da Catedral, José María Díaz Fernández, recolle breves textos divulgativos que reflicten as últimas investigacións e conclusións sobre aspectos históricos e artísticos do conxunto catedralicio. Así, a primeira parte do libro percorre as orixes da Catedral (Santiago e as tradicións xacobeas: o Locus Sancti Iacobi e a Compostela medieval, escrito por José Miguel Andrade); o papel do Cabildo Catedralicio (Cabildo e catedral: evolucións paralelas entre os séculos XI e XIII, escrito por Francisco Javier Pérez Rodríguez); o proceso constructivo da época medieval (A construción da catedral románica, escrito por Ramón Yzquierdo Perrín e As fachadas "parlantes" da catedral románica: unha nova dimensión da escultura monumental, escrito por Manuel Castiñeiras); a evolución da Catedral nos séculos posteriores á súa consagración (Os triunfos do século XVI, escrito por Juan Monterroso Montero; A metamorfose barroca: novas escenografías de presentación do Apóstolo, escrito por Miguel Taín Guzmán e A catedral da Ilustración: mentalidade, obras e proxectos, escrito por Francisco Singul). Ademais, o libro reserva espazo para a historia das prazas que se xeraron ao redor da Catedral (Espazos públicos. O legado da catedral, escrito por Juan Conde Roa ), así como para o arquivo e o museo da Catedral (escritos por Xosé Sánchez e Ramón Yzquierdo Peiró, respectivamente).

Seguindo as palabras do Deán da Catedral no inicio do libro, o lector poderá comprobar que a Catedral de Santiago é un asombroso resoador de historia, de arte e de relixiosidade. Trátase, xa que logo, de ver e de saber oír, de "poñer o cariñoso oído", que diría Rosalía, "para escoitar indefinibles voces".

Ademais do alcalde e do conselleiro, participaron no acto o deán da Catedral, José María Díaz; o xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva; o coordinador da publicación, Francisco Singul; a directora comercial de Lunwerg Editores, Marta Vila; e o responsable de publicacións do Consorcio, Juan Conde.

Compartir: