PROMOCIÓN ECONÓMICA

Máis de 100 persoas inscritas na xornada "Boas prácticas en atención temperá"

05/05/2011 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, anunciou que xa hai máis de 100 persoas inscritas na xornada Boas prácticas en atención temperá, que se celebrará o sábado 7 de maio no Cersia, dentro da campaña divulgativa da atención temperá, que se complementa cunha exposición en Área Central e unha xornada informativa no Cersia. Este programa está cofinanciado polo Fondo Social Europeo.

Esta xornada desenvólvese no marco do Proxecto Persoa IV da Concellaría de Promoción Económica e Emprego que, a través da especialidade de atención temperá e estimulación precoz, foi un espazo para a preparación de profesionais e a experimentación de novas metodoloxías e actuacións para, por unha banda dar resposta a esta nova demanda do mercado laboral, vinculada ao sector dos servizos ás persoas e, por outra, favorecer a inserción no mercado de traballo das persoas que participan neste programa.

É un proxecto experimental de emprego, que focaliza a súa atención nos servizos persoais a coidadores de persoas maiores, de persoas enfermas e discapacitadas, e de nenos e nenas. Ademais de traballar a inserción laboral, incide na cobertura de servizos sociais fundamentais, formando o alumnado nun sector considerado como un novo filón de emprego: o sector dos servizos ás persoas.

O Persoa IV conta cun orzamento de 720.000 euros, cofinanciado polo Fondo Social Europeo. Integrado no Pacto polo Emprego de Santiago de Compostela, está dirixido a persoas desempregadas, sobre todo persoas menores de 30 anos e maiores de 45, desempregadas/os de longa duración e mulleres que abandonaron o mercado laboral e queren reinserirse.

Compartir: