ALCALDÍA

O Concello achega case 60.000 euros a sete asociacións do ámbito sociosanitario

04/05/2011 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, asinou sete convenios con outras tantas entidades do ámbito sociosanitario, ás que o Concello achega un total de 58.535 euros. As entidades asinantes foron: Asociación Síndrome de Down, Asociación de Pais de Persoas con Trastornos do Espectro Autista da Provincia da Coruña (ASPANAES), Fundación Secretariado Xitano, Asociación de Persoas Xordas de Santiago, Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual (ASPAS), Fundación Monte do Gozo-Proxecto Home e Asociación Fonte da Virxe de Familiares e Amigos dos Enfermos Mentais.

Sánchez Bugallo agradeceu "o labor que estas entidades realizan ao servizo dos que máis precisan de apoio". Así, insistiu en destacar "o papel das pésoas que dedican o seu tempo ao servizo da comunidade".

Tamén a concelleira de Benestar Social reiterou o agradecemento e a vontade permanente de colaboración do Concello con estas entidades, que definiu como "unha obriga e un orgullo". "Malia que este ano se reduciu o número de convenios asinados, por cuestións relacionadas cos trámites de xustificación, non se reduciu a cantidade destinada aos mesmos", dixo, recalcando que a colaboración económica incluso medrou a través do labor da Casa das Asociacións de Benestar Social.

Asociación Síndrome de Down
O Concello colabora coa Asociación Síndrome de Down no funcionamento do Programa de Logopedia e Linguaxe, para o que achega 2.705 euros. Este proxecto está formado por dous subprogramas, que cobren as carencias e dificultades das persoas coa Síndrome de Down tanto no seu desenvolvemento persoal da linguaxe como no uso persoal social do mesmo.

Asociación de Pais de Persoas con Trastornos do Espectro Autista da Provincia da Coruña (ASPANAES)
O Concello apoia a inclusión social para persoas con Trastorno con Espectro Autista a través dunha achega de 2.635 euros. Destinaranse á elaboración dun programa de ensinanza explícita de habilidades para o ocio.

Este programa ten en conta que, á hora de establecer os obxectivos de aprendizaxe das persoas con autismo debemos ter en conta que se debe ensinar o necesario a cada persoa e que as aprendizaxes debe ser interesantes para a propia persoa e para a súa familia, adecuadas á idade cronolóxica e a súa situación temporal/biográfica e adaptadas ás características individuais. En definitiva, trátase de pautas que teñen que poder exercitarse na comunidade na que viven.

Fundación Secretariado Xitano
O convenio coa Fundación Secretariado Xitano achega de 19.700 euros para as actividades do Programa Acceder, dirixido a poboación xitana do municipio de Santiago de Compostela. Unha das prioridades desta iniciativa é o acceso da poboación xitana ao mercado laboral por conta allea, favorecendo así a igualdade de oportunidades. Este acceso promóvese a través de accións de inserción laboral, tales como itinerarios individualizados de emprego e o desenvolvemento de accións formativas adaptadas.

O proxecto de formación vai dirixido a aquelas persoas participantes do Programa Acceder, independentemente da etapa na que se atopen (mediación, orientación, prospección). Actualmente, este proxecto conta con 266 usuarias/os. Outro dos retos que se formula o dispositivo Acceder é a promoción da muller xitana.

Asociación de Persoas Xordas de Santiago de Compostela
No caso da Asociación de Persoas Xordas de Santiago finánciase o servizo de intérprete de linguaxe de signos e guía intérprete de persoas xordocegas con 7.225 euros. Para levar a efecto este servizo, a Asociación contratará un/unha intérprete que prestará servizos de interpretación de L.S.E. a dita entidade, e en todos aqueles organismos, centros, entidades, que así o soliciten, para deste xeito contribuír a fomentar a eliminación das barreiras de comunicación no municipio.

Ademais, a Asociación atenderá as demandas que lle sexan remitidas pola Concellería de Benestar Social do Concello. O número aproximado de beneficiarios directos será de 300 persoas.

Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual (ASPAS)
O Concello apoia o servizo de comedor nos Centros da Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual cunha achega de 2.299 euros. No comedor do centro ocupacional e do centro de día sérvese unha media de 100 comidas diarias de luns a venres, mentres que nas vivendas do centro ocupacional funciona a cociña de luns a venres para servir o almorzo e as ceas de 24 persoas con discapacidade intelectual.

Ademais, o comedor do centro de Laraño funciona para 35 internos, con almorzo, xantar, merenda e cea, pechando nas vacacións e un fin de semana cada mes. Nos comedores dos centros séguese un control de dietas e os menús adáptanse ás características persoais de cada individuo.

Fundación Monte do Gozo – Proxecto Home
Para a Fundación Monte do Gozo-Proxecto Home achéganse 20.825 euros, destinados ao Programa de Cocaína. Este vai dirixido a persoas consumidoras fundamentalmente de cocaína, que manteñen a súa estrutura familiar, social e laboral, ou son susceptibles de recuperar estas redes sen demasiadas complicacións e cun nivel de adicción que poida permitir a ruptura co mundo das drogas dentro dunha nova perspectiva de acceso ao traballo e de responsabilización da súa vida desde o primeiro momento.

O obxectivo xeral é que usuario adquira unha motivación progresiva que se inicia na abstinencia e se fortalece na adquisición dun estilo de vida saudable e satisfactorio que lle permita un equilibrio no seu mundo sen necesidade dun illamento temporal.

Asociación Fonte da Virxe de Familiares e Amigos dos Enfermos Mentais
Finalmente, o Concello contribúe con 3.145 euros ao Programa de Respiro Familiar da Asociación Fonte da Virxe de Familiares e Amigos dos Enfermos Mentais, dirixido a persoas que padecen unha trastorno mental grave e persistente.

Os principais destinatarios do programa son as persoas que padezan unha enfermidade mental crónica, teñan un bo nivel de autonomía persoal, non teñan suficientes recursos económicos, idade comprendida entre os vinte e sesenta anos, estean a tratamento psiquiátrico e teñan un grao de minusvalía recoñecido de cando menos un 35%. Os obxectivos xerais do programa son proporcionar períodos de descanso ás familias e mellorar as relacións familiares.

As entidades e os representantes que asinaron os convenios foron os seguintes:
1. Juan Jesús Martínez López, en representación da Asociación Síndrome de Down Compostela.
2. Antonio de la Iglesia Soriano, en representación da Asociación de Pais de Persoas con Trastornos do Espectro Autista da Provincia da Coruña (ASPANAES).
3. Isidro Juan Rodríguez Hernández, pola Fundación Secretariado Xitano.
4. José Antonio Pais Freire, presidente da Asociación de Persoas Xordas de Santiago de Compostela.
5. Marcelo de la Cruz Luzón, presidente da Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual (ASPAS).
6. Ramón Gómez Crespo, director da Fundación Monte do Gozo – Proxecto Home.
7. Mª Mar Piñeiro Sobrido, presidenta da Asociación Fonte da Virxe de Familiares e Amigos dos Enfermos Mentais.

Compartir: