EDUCACIÓN

Os gañadores composteláns do programa didáctico "Coñecer as Cidades Patrimonio" pasan uns días en Ávila

03/05/2011 Un grupo de alumnas e alumnos de 2º da ESO do IES Rosalía de Castro pasan uns días en Ávila, como gañadores composteláns desta edición do programa didáctico Coñecer as Cidades Ptrimonio. Na anterior semana foran os escolares abulenses os que visitaran Santiago.

Os alumnos foron recibidos no Concello de Ávila e participaron nun completo programa lúdico e educativo. Abulenses e composteláns irán co resto de gañadores das outras Cidades Patrimonio, do 4 ao 6 de maio, a Toledo, cidade que acolle nesta ocasión o certame final. Alí, cada grupo exporá o seu traballo e conclusións, ademais de participar en diversas actividades.

O Programa Coñecer as Cidades Patrimonio é convocado pola Comisión de Educación da Asociación Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, no que participa a cidade de Santiago de Compostela, a través da Concellería de Educación. Está constituída polas cidades de Mérida, San Cristóbal de La Laguna, Salamanca, Toledo, Segovia, Tarragona, Eivissa, Cuenca, Santiago de Compostela, Córdoba, Alcalá de Henares, Cáceres e Ávila.

O obxectivo principal deste programa educativo, no que participan estudantes de ESO das 13 cidades patrimonio, é que os rapaces e rapaces coñezan máis polo miúdo os segredos que agochan estas urbes.

Cada ano unha delas é a cidade organizadora, neste caso Toledo, mentres que as outras se agrupan en parellas para que os rapaces de cada unha delas realice un traballo sobre a outra. Despois de meses de investigación, os alumnos/as obteñen como premio unha viaxe á urbe sobre a que traballaron e tamén á cidade organizadora. Nesta edición os traballos versaron sobre a auga nas Cidades Patrimonio.

Compartir: