CULTURA

Les Slovaks traen dous espectáculos a SCQ Danza: "Whitin" e "Journey Home"

03/05/2011 O ciclo SCQ Danza, que organiza a concellaría de Cultura, ten unha nova cita no calendario o mércores 4 e o xoves 5 con Les Slovaks. É o derradeiro dos espectáculos que a Concellaría ofrece este semestre dentro deste programa dedicado á danza contemporánea, logo de que por motivos alleos á organización houbera que pospoñer o espectáculo de Experimentadanza previsto para o mes de xuño.

O público compostelán poderá gozar de dous espectáculos de Les Slovaks, colectivo formado por cinco independentes e enérxicos bailaríns procedentes de Eslovaquia: Martín Kilvady, Peter Jasko, Antón Lachky, Milan Eric e Milan Tomásik, que viven e traballan en Bélxica. Conforman unha compañía de danza profesional centrada en ensinar e actuar. Comezaron a bailar moi cedo e xa con cinco anos, incluso antes de coñecerse, compartiron escenario no festival folk Vychodna. Naquel momento ninguén imaxinaba que durante os vindeiros 20 anos compartirían a mesma vida, educación, cuarto, diversión, actuacións e medo escénico

Les Slovacks presentan dous espectáculo: Whitin (Dentro) e Journey Home (Viaxe á casa). Within, con coreografía e danza de Milan Tomásik, trata da integridade do interno e o externo, o tanxible e o intanxible, o visible e o invisible. O só de Milan Tomásik aborda a percepción e a perspectiva e cuestiona a uniformidade da realidade común. Diferentes niveis de percepción do espazo e o tempo créanse no espectáculo mediante o paso de un ao outro, usando principalmente cambios e cortes acordes coa esencia da realidade específica. Milan Tomásik traballa coa simplicidade de tres elementos -o son, a luz e o corpo- dun xeito moi preciso e estruturado.

Journey Home conta xa con coreografía e interpretación de todo o colectivo e nel utilizan un narrador, personaxes, tradicións e elementos musicais para crear unha estrutura narrativa. O conxunto está formado por varias partes máis pequenas, cada unha é unha historia co seu propio comezo e fin, e un estilo e un ambiente concretos. Journey Home está construída en torno a cada un dos seis artistas (cinco bailaríns e un músico) como se fose un personaxe do seu propio filme. A inspiración para este espectáculo vén da tradición de Eslovaquia na que unha noite de baile é como un crebacabezas de diferentes danzas de diversas rexións do país.

Compartir: