CULTURA

O grupo de folc inglés Waterson Carty actúa no Principal

17/02/2006 As entradas están á venda o luns 20 en taquilla, en horario de 12.30 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 h. O concerto é as 21.00 h.

Durante máis de trinta anos Norma Waterson e Martin Carthy estiveron á cabeza da escena folc inglesa. Xunto á súa filla, a cantante e violinista Eliza Carthy, e o músico de melodeón Tim Van Eyken, forman unha das bandas máis exitosas e influíntes do folc británico.

A carreira de Martin Carthy xa foi premiada coa medalla MBE (Member of the Order of the British Empire) e varios premios musicais da BBC Radio 2 que inclúen o de Mellor Cantante Folc do Ano e Mellor Canción Tradicional, recibidos en febreiro de 2005. É unha das figuras máis queridas e respectadas no folc británico, e receentemente protagonizou un documental da BBC.

Norma Waterson, tamén premiada coa medalla MBE pola súa dedicación á música, e tamén merecedora de dous premios da BBC Radio 2, é unha das mellores e máis emotivas cantantes do país. Candidata a dous premios Mercury e gañadora de tres da BBC Radio 2, Eliza Carthy guía a avnagarda de novos talentos ingleses, ten realizado xiras con Sharon Shannon e coa súa propia banda, The Ratcatchers.

Tim Van Eyken toca o melodeón cunha brillantez exquisita, e a súa banda, Dr Faustus é unha das máis representativas do movemento de recuperación da música tradicional por parte de artistas novos no seu país.

O último traballo de Waterson Carthy, titulado Fishes and Fine Yellow Sand, é unha ecléctica selección de material inspirado en varias fontes. Homenaxea a quen naceu baixo 'mala estrela' cunha canción que conmemora a Napoleón Bonaparte e outra canción inglesa ('Green Broom') que foi rescatada do repertorio dun artista de fala irlandesa. Este traballo inclúe tamén unha versión do clásico de Jerry García e Grateful Dead 'Black Muddy River', previamente interpretada por Norma no seu álbum en solitario para o selo Rykodisc.

Compartir: