EDUCACIÓN

A Escola Municipal de Música incorpora novas propostas para o curso 2011-2012

03/05/2011 A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, acompañada pola directora e xefe de estudos da Escola Municipal de Música, Sara Domínguez e Mario Diz, deu a coñecer os prazos de matriculación da Escola Municipal de Música. Para este novo curso, o centro fai unha aposta decidida por materias como a música tradicional, a ensinanza infantil, a música moderna ou a danza.

Segundo indicou a directora da Escola, Sara Domínguez, no curso 2011-2012 preténdese dar un salto cualitativo, en concordancia co incremento do alumnado que se agarda, diversificando as actividades en cinco áreas. Unha delas será a música tradicional, traballando instrumentos específicos e cunha agrupación específica. Tamén se traballará coa mesma concreción no eido da música moderna.

Este curso tamén se lle dará un especial impulso á danza, tanto clásica, como tradicional ou contemporánea. Estas tres áreas, ao igual que a da educación xeral, están dirixidas tanto a adultos como a nenos ou mozos. E a estas súmase un quinto eixe de traballo, a escola municipal infantil, dirixida a formar aos máis pequenos, de 3 a 7 anos.

Prazos de matrícula
En canto aos prazos de matrícula do novo curso, o alumnado actual do centro pode reservar a súa praza do 9 ao 20 de maio. A matrícula realizarana do 23 ao 27 de maio.

Os novos alumnos terán unha primeira convocatoria na que o período de preinscrición estará aberto do 8 ao 22 de xuño. Tras a resolución de reclamacións e a exposición das listas, efectuarase a matrícula do 13 ao 20 de xullo.

Aínda quedará unha segunda convocatoria, con prazo de preinscrición do 1 ao 7 de setembro, para acceder ás prazas vacantes. Neste caso, os admitidos deberán matricularse entre o 23 e o 30 de setembro.

Obradoiros en Conxo e Fontiñas
Ademais dos prazos da Escola Municipal de Música, na sesión da Xunta de Goberno aprobáronse os dos obradoiros das escolas infantís de Conxo e Fontiñas para o verán e para o curso 2011-2012.

Os pais dos xa matriculados deben entregar as súas solicitudes entre o 9 e o 16 de maio. Os novos solicitantes poden solicitar a súa inscrición do 19 ao 26 de maio. As listas de admitidos publicaranse, respectivamente, o 18 e o 31 de maio.

Compartir: