CIRCULACIÓN VIARIA

A reserva de prazas para residentes estenderase ao casco histórico en 2012

03/05/2011 A concelleira de Circulación Cidadá, Marta Álvarez-Santullano, anunciou que a implantación das zonas de estacionamento para residentes estenderase nunha segunda fase á zona histórica. Será en 2012, unha vez rematada a primeira fase, da que aínda faltan por completarse as zonas de Sar, San Lourenzo, Pelamios, Vista Alegre e Santa Marta.

Álvarez-Santullano estimou necesaria esta medida para os veciños dunha zona como o casco histórico que xa de por si ten restricións respecto ao aparcamento. A implantación destas áreas de residentes realizarase de acordo coas asociacións veciñais desta parte da cidade. Entre as medidas que se contemplan, avanzou, está a fixación nos estacionamentos do borde da améndoa de prazas que serían para residentes de noite e libres durante o día.

Sobre as áreas de estacionamento de residentes en marcha, indicou que no barrio de San Pedro se solicitaron 1.245 tarxetas, das que foron concedidas e tramitadas 1.108. Outras 29 están pendentes de comprobacións e 88 solicitudes foron denegadas. Indicou que xa está colocada a sinalización nestas rúas, pero que aínda non se procedeu a sancionar aos vehículos mal estacionados, xa que aínda quedan por recoller polos veciños unhas 180 tarxetas.

Recordou a edil que en San Pedro hai dispoñibles 430 prazas de residentes, entre as prazas de 24 horas e as nocturnas, polo que é o barrio onde hai máis desequilibrio entre as tarxetas solicitadas e as prazas existentes. Non obstante, e tras recordar que xa de por si é unha zona con poucas prazas de aparcamento, resaltou a diminución que se ten constatado do tráfico na zona pola ausencia de vehículos na busca de estacionamento.

Este desequilibrio de prazas é practicamente inexistente no caso da Almáciga, onde hai unhas 400 prazas dispoñibles. Neste barrio solicitáronse 468 tarxetas, das que foron concedidas 414 e outras 14 están pendentes. Aquí aínda quedan unhas 300 tarxetas por recoller.

A concelleira referiuse tamén ás áreas nas que está xa dende hai tempo funcionando as áreas de estacionamento para residentes, como Vite e Pontepedriña, para indicar que "ningún veciño ten problemas para aparcar". Non obstante, insistiu na dispoñibilidade do seu departamento a "adaptar as propostas iniciais ás demandas dos veciños" que se vaian producindo.

Compartir: