INFRAESTRUTURAS

Tres actuacións comezan á reurbanización interior do barrio de Vista Alegre

03/05/2011 O barrio de Vista Alegre dará un "salto na súa calidade urbana" coa reurbanización das súas rúas e prazas, contemplada na iniciativa Urbana Santiago Norte, financiada con fondos FEDER. Así o indicou o concelleiro de Obras e Infraestruturas, Bernardino Rama, que explicou as tres primeiras actuacións na praza de Álvaro Cunqueiro, na rúa de Noia e na rúa paralela ao parque de Xoán XXIII.

O investimento nesta fase inicial será de 300.000 euros, que permitirán intervir sobre unha superficie de máis de 3.000 metros cadrados. A reurbanización destes tres espazos está prevista que estea rematada a finais deste ano 2011. Logo engadiranse novos espazos a esta reurbanización integral, que fundamentalmente permitirá unha sensible mellora da mobilidade interior no barrio.

Estas actuacións poden considerarse complementarias ao programa da Área Rehabilitación Integral (ARI) que se desenvolve xa na zona. As obras permitirán renovar completamente as instalacións, servizos e aspecto urbano destes espazos, cun tratamento semellante ao empregado nas reurbanizacións da rúa Vista Alegre e da avenida de Castelao.

Destacou Bernardino Rama que nesta primeira fase se remodelarán tres rúas que presentan unha importante degradación na pavimentación e mesmo nas beirarrúas. Aproveitarase para ordenar o tráfico, canalizar novos servizos como fibra óptica ou gas ou outros xa existentes como a electricidade.

Compartir: