PROMOCIÓN ECONÓMICA

Unha exposición e unha xornada informativa divulgarán a atención temperá

02/05/2011 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou en rolda de prensa unha campaña divulgativa da atención temperá, que consistirá en dúas accións: unha exposición en Área Central e unha xornada informativa no Cersia. Este programa está cofinanciado polo Fondo Social Europeo.

A Xornada Interdisciplinar de Atención Temperá, organizada no marco do Proxecto Persoa IV que desenvolve a Concellaría de Promoción Económica e Emprego desenvolverase o 7 de maio no Edificio Cersia baixo o título de Boas prácticas en atención temperá. "Os obxectivos desta campaña son analizar a importancia dos Equipos de Atención Temperá nas escolas, así como coñecer experiencias e boas prácticas na formación de profesionais", explicou o concelleiro.

As persoas interesadas en participar nesta xornada poden inscribirse a través do correo electrónico servizolocaldeemprego@santiagodecompostela.gal.

Exposición
En canto ás actividades da Exposición Divulgativa sobre Atención Temperá, que se poderá visitar do 3 ao 12 de maio en Área Central, haberá unha área informativa, con información directa sobre Atención Temperá, mediante o Equipo de Atención Temperá "Os Pasiños" e Orienta Asesores Educativos, e bibliografía para consulta a disposición das persoas visitantes.

Contarase tamén cunha área de xogo, cun espazo permanente A importancia do xogo, actividades para pais e nais baixo o epígrafe Coñecendo o desenvolvemento do/a meu fillo/a, que estarán organizadas polo Equipo de Atención Temperá "Os Pasiños", e charlas-café Pais e nais orientados/as, organizado por Orienta Asesores Educativos.

Proxecto Persoa IV
O Proxecto Persoa IV, a través da especialidade de Atención temperá e estimulación precoz foi un espazo para a preparación de profesionais e a experimentación de novas metodoloxías e actuacións para, por unha banda dar resposta a esta nova demanda do mercado laboral, vinculada ao sector dos servizos ás persoas e, por outra, favorecer a inserción no mercado de traballo das persoas que participan neste programa.

É un proxecto experimental de emprego, que focaliza a súa atención nos servizos persoais a coidadores de persoas maiores, de persoas enfermas e discapacitadas, e de nenos e nenas. Ademais de traballar a inserción laboral, incide na cobertura de servizos sociais fundamentais, formando o alumnado nun sector considerado como un novo filón de emprego: o sector dos servizos ás persoas.

O Persoa IV conta cun orzamento de 720.000 euros, cofinanciado polo Fondo Social Europeo. Integrado no Pacto polo Emprego de Santiago de Compostela, está dirixido a persoas desempregadas, sobre todo persoas menores de 30 anos e maiores de 45, desempregadas/os de longa duración e mulleres que abandonaron o mercado laboral e queren reinserirse.

Compartir: