DEPORTES

As novas pistas de tenis e pádel de Sar abren ao público con dous meses de uso de balde

02/05/2011 Do 5 de maio ao 4 de xullo, calquera persoa censada no Concello de Santiago poderá utilizar de balde as novas tres pistas de pádel e a pista de tenis situadas na rúa Casas Hedra, fronte ás piscinas de Sar, previa reserva das mesmas. Así o anunciou o concelleiro de Deportes, Bernardino Rama, en rolda de prensa, que destacou que esta medida pretende promover a práctica destes deportes entre os composteláns.

Segundo indicou, as pistas terán un horario de apertura de luns a venres de 15:00 a 22:00 horas. Os sábados abrirán de 9:00 a 21:00 horas e os domingos de 9:00 a 14:00 horas. En total son 52 horas de apertura do complexo deportivo á semana.

Os empadroados no Concello de Santiago deberán efectuar unha reserva das instalacións cunha semana de antelación, é dicir, dunha semana para a outra. A reserva poderase facer persoalmente, de luns a venres, nas oficinas do Departamento de Deportes, en horario de 9:00 a 14:00 horas, ou na conserxería do propio recinto en horario de 16:00 a 21:00 horas.

Tamén se poderá reservar telefonicamente, de luns a venres, de 9:00 a 14:00 horas, chamando ao 981 528 730. Neste caso, será obrigatorio confirmar a reserva recollendo o xustificante –antes do xoves desa semana- nas oficinas do Departamento de Deportes, de 9:00 a 14:00 horas. De non facelo, a reserva quedaría anulada.

As fins de semana unicamente ser realizarán reservas de forma presencial nas propias instalacións durante o horario de apertura. A admisión de reservas comeza na mañá do mércores 4.

O usuario deberá identificarse co seu DNI e presentar o seu xustificante na conserxería do recinto antes de acceder ás instalacións. Cada usuario só poderá reservar unha hora á semana.

Pola súa parte, o arquitecto Alfredo Varela explicou as características destas pistas, cuxa construción se atopou coa dificultade da topografía da parcela, que ademais estaa atravesada por unha canalización de gas natural e o colector do Sar. De aí que se dividira a parcela en tres áreas: unha coas pistas de pádel, outra coa de tenis e, a parte do colector e da liña de gas que quedaron sen edificación.

Superficies coa última tecnoloxía
As pistas de pádel teñen unhas dimensións de 20 x 10 metros e son de herba artificial e un cerramento en cristal temperán con estrutura de aceiro lacado en branco. Contan con iluminación artificial.

En canto á pista de tenis, de chan sintético, optouse por unha edificación en forma de arco, no que a estrutura de madeira laminada soporta as luces da pista. "Toda a construción realizouse coas formas máis diáfanas posibles, para provocar o menor impacto no entorno", indicou Alfredo Varela.

Na Xunta de Goberno do 3 de maio abrirase o concurso para elixir a empresa que se fará cargo da xestión deste recinto deportivo rematado o período de portas abertas. As empresas poderán introducir melloras, como a construción doutras dúas pistas de pádel, xa que o espazo dispoñible na parcela así o permitiría.

Compartir: