ALCALDÍA

O alcalde compostelán escoita as demandas dos veciños de San Xoán de Fecha

01/05/2011 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, reuniuse coa asociación veciñal de Lamascal e cos demais veciños da parroquia de San Xoán de Fecha que acudiron ao encontro celebrado no local social. Na xuntanza tamén participaron os concelleiros de Obras, Bernardino Rama, e de Participación Cidadá, Guadalupe Rodríguez.

Os veciños formuláronlle ao alcalde as súas principias reivindicacións. Unha delas, a pavimentación da pista entre Grixoa e Ponte Albar, xa está en vías de solución, porque neste mes de maio abrirase o concurso para acometer a obra. O alcalde tamén se comprometeu a encargar un estudo sobre a viabilidade de levar o saneamento á parroquia a través dun sistema autónomo.

Segundo unha orde de prioridades, tamén se analizarán demandas coma o acondicionamento da escola vella de Ponte Vilar, a mellora da pista de Vilas, a instalación de calefacción no local social ou o adecentamento dalgunhas fontes e lavadoiros.

Compartir: