BENESTAR SOCIAL E UMAD

A UMAD pon en marcha un obradoiro para fomentar a colaboración entre os pais e profesorado

16/02/2006 O obradoiro, que comeza mañá venres, pretende avanzar na mellora da educación dos fillos, poñendo en común a educación dos pais e nais cos profesionais da educación.

Mellorar a comunicación cos profesionais do centro educativo, axudar a adquirir habilidades para establecer unha boa colaboración co colexio e potenciar o papel educativo da familia e da escola conxuntamente en beneficio dos fillos son os obxectivos deste novidoso obradoiro.

Ao longo de 10 horas de duración, trataranse estratexias para xerar e manter a confianza como base da relación entre familia e escola, ferramentas da comunicación e daranse claves de información, orientación e cooperación para o desenvolvemento dun proxecto común educativo.

O taller, dirixido a pais, nais e titores legais, constará de breves exposicións sobre os contidos de cada sesión, traballo en gran grupo e en pequenos grupos, debates e representación de situacións reais.
A admisión no obradoiro, dun máximo de 30 persoas, farase por orde de inscrición. Será impartido por Fernando González Iglesias, psicólogo da UMAD (Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes) do Concello de Santiago. A matrícula é gratuita.
Ademais, para aqueles pais e nais que participen no obradoiro e que o precisen, poñerase a disposición dun servicio de ludoteca gratuíto para os máis pequenos.

Datas:
Venres 17 de febreiro 18:00 a 20:00 horas
Venres 24 de febreiro 18:00 a 20:00 horas
Venres 3 de marzo 18:00 a 20:00 horas
Venres 10 de marzo 18:00 a 20:00 horas
Venres 17 de marzo 18:00 a 20:00 horas

Lugar:
UMAD. Salgueiriños, s/n. Santiago de Compostela.
Tlf.: 981 528 787

Compartir: