CULTURA

Goran Bregovic abrirá o novo ciclo de Sons da Diversidade

15/02/2006 Unha revisión do mito de Carmen, reformulado dende a auténtica cosmovisión xitana de Goran Bregovic será o espectáculo encargado de abrir o novo ciclo de Sons da Diversidade, que organiza a Concellaría de Cultura, este domingo 19 de febreiro no Auditorio de Galicia.

A Karmen con final feliz de Goran Bregovic resucita á xitana de Merimée musicada por Bizet nunha moza xitana dos Balcáns, con toda a enerxía cíngara que desprende a impresionante "Orquestra para vodas e funerais" que o músico move con el. Artífice de bandas sonoras dos filmes de Emir Kusturica, Bregovic erixiuse xa en bastión da música tradicional balcánica.

Sons dende Cuba
A seguinte cita será o domingo 5 de marzo, co cubano Pablo Milanés, promotor da chamada Nova Trova Cubana, xunto con Silvio Rodríguez. A súa Yolanda é unha das cancións de amor máis coñecidas de todos os tempos. Logo de corenta anos de andaina musical, resumidos nos recopilatorios Querido Pablo (1981) e Pablo querido (2001), o seu son vén dende Bayamo a Compostela para delitar aos seus seguidores, a aqueles que amaron con Yolanda e se axitaron con Yo vi la sangre de un niño brotar.

Virtuosos da corda e da percusión
Dende Malí e o Brasil chégannos dúas propostas de dous mestres en cadansúa especialidade: Toumane Diabaté toca a kora, un instrumento tradicional de Malí, consistente nun arpa de 21 cordas. Pertencente á nova xeración de griots, que tentan recuperar a tradición musical do seu país, Toumane é unha referencia neste: leva vinte anos editando discos de kora, até o último, que presentará o 28 de abril no Auditorio, Boulevard de l'Indépendance, xa xunto coa Symmetric Orchestra. Ademais, foi fundador da escola de música Mandinka Music Productions, que en Bamako acolle os mozos que queren aprender a tocar os instrumentos tradicionais e a bailar.

Dende o Brasil, Naná Vasconcelos trae unha presentación do seu último traballo o 13 de maio. No seu disco Chegada, o mago da percusión nado en Pernambuco recupera maracatús, berimbao, envólveos coa súa voz e danza, e engade frauta, violonchelo, acordeón, piano, congas e varios instrumentos de percusión para un concerto explosivo. Con César Michiles á frauta, Gabriel Geszti, piano e acordeón, Lui Coimbra, violonchelo, charanga e guitarra e Lucas dos Prazeres á percusión, gozaremos do calor e da enerxía dos ritmos ancestrais do Brasil.

Folc galego para pechar
Xa o 16 de xuño, Ugia Pedreira co acordeonista Pedro Pascual, o clarinetista Pablo Alonso e o guitarrista Marcos Teira, coa colaboración de Luis Alberto Rodriguez á batería e Xacobe Martínez no contrabaixo, presentan o primeiro disco de Marful: unha peculiar interpretación da música urbana con sabor a porto, a casa de indianos, á emigración, coma twist, tangos, habaneras, ou pasodobres. A voz de Ugia dá corpo aos poemas de Anxo Quintela, Ricardo Carvalho Calero, Olga Nogueira, Manolo Pipas ou o francés Jacques Prévert.

Con esta novísima proposta do folc galego pecharase Sons por este ano.

Direcciones relacionadas



Compartir: