AUDITORIO DE GALICIA

O Auditorio de Galicia acollerá a exposición Isabel Muñoz

10/02/2006 Dende o sábado 11 de febreiro e ata o 16 de abril o Auditorio de Galicia acollerá a exposición Isabel Muñoz. A inauguración, que contará coa presenza do concelleiro de Cultura, Néstor Rego, terá lugar o vindeiro sábado 11 de febreiro ás 13.30 horas.

Isabel Muñoz é a fotógrafa do corpo. Na súa arte a sensualidade, o pracer e o desexo quedan atrapados nun clic. Sexan imaxes completas ou fragmentos de persoas, as súas fotografías en branco e negro sempre teñen unha gran forza e beleza. Como a propia autora afirmou nalgunha ocasión, "cando estamos diante dunha destas imaxes apetécenos tocalas cos ollos ademais de coa man".

Desde hai vinte anos, Isabel Muñoz, nada en Barcelona en 1950, percorre o mundo para plasmar en imaxes os movementos e os corpos que atopa tentado recoller a súa plasticidade e a súa textura. Así, esté en Cuba ou en África, constrúe unha xeografía dos corpos que a devolve sempre aos ballets clásicos ou contemporáneos de Madrid e que ela acaricia cunha mirada tan amorosa como esixente.

Esta exhibición, formada por máis de setenta fotografías, coincide coa súa presenza en ARCO na galería Mário Sequeira.

Na inauguración a artista non só estará acompañada polo concelleiro de Cultura senón que tamén asistirán o presidente da editorial Lunwerg, Juan Carlos Luna, e a responsable de exposicións da mesma editorial, Carmen García Álvarez.

A mostra poderase visitar todos os días en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas.

Compartir: