AUDITORIO DE GALICIA

A obra de Fernández Pidal "Intimidade" acadou o quinto accésit do IV Premio Auditorio de Galicia

08/02/2006 Fernando Fernández Pidal foi elexido polo público visitante da exposición como gañador do quinto accésit, dotado con mil douscentos euros, do IV Premio Auditorio de Galicia Novos Artistas 2005. A exposición das obras participantes nesta convocatoria foi clausurada o pasado 5 de febreiro.

A obra premiada ten por título "Intimidade", e consta de seis fotografías dixitais de 50 x 37,5 cm cada unha, realizadas no ano 2005. "Son fotografías capturadas a través dunha vixía. Recollen momentos íntimos nos que o protagonista se desenvolve na súa vida diaria. Cunha visión deformada xorde o paradoxo da selección deses momentos para facelos persoais, cando posibelmente a intimade dun individuo non sexa máis que un pudor xerado pola sociedade."

Datos biográficos
Fernado Fernández Pidal (A Coruña, 1981). Técnico superior en artes aplicadas à escultura. Quinto curso na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Ten participado nas seguintes exposicións: no ano 2005 Pisarte, A Coruña. No ano 2004 Obsesión por la carne, exposición individual na Facultade Belas Artes de Pontevedra. En 2003 Oxígeno Zero, exposición individual na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. En 2002 Casa da Cultura de Sada, Sada, A Coruña / Aeroporto de Alvedro, A Coruña. No ano 2001 expón na Escola de Artes e Oficios Pablo Ruiz Picasso, A Coruña e no ano 2000 no Forum Metropolitano da Coruña, A Coruña.

Xunto a Fernado Fernández Pidal, resultaron premiados cos catro accésits dos premios:
Sara Sapeti(Valladolid, 1976). Licenciada en belas artes pola Facultade de Belas Artes de Pontevedra; máster de fotografía en EFTI, 2004; graduada en artes aplicadas e oficios artísticos pola Escola de Artes Pablo Picasso da Coruña. Ten participado en varias exposicións individuais e numerosas exposicións colectivas. Presentou a obra Sen título . Fotografía sobre forex.

Rubén Santiago (Sarria, Lugo, 1974). Formación na especialidade de escultura na Facultade de Belas Artes da Universidade Complutense de Madrid e na Escola Massana de Barcelona. Ten participado en numerosas exposición colectivas. Recibiu o premio do xurado e do público da Fundación Rodríguez. Foi seleccionado pola obra Traces (Camiños) realizada en ferro termolacado e area de sílice.

Santi Jiménez (Santiago de Compostela, 1979). Licenciado en Belas artes pola Universidade de Vigo, na especialidade de escultura. Ten realizado dúas exposicións individuais e varias colectivas. Foi seleccionado na anterior edición do Premio Auditorio de Galicia. Nesta ocasión foi premiado pola obra El estornudo (O esbirro), técnica mixta sobre papel.

José Paz (Eibar, Guipúscoa, 1967). Licenciado en ciencias sociais e da información, especialidades de xornalismo gráfico e escrito, Universidade do País Vasco; xefe de fotografía do diario La Región de Ourense; crítico de cultura e arte do diario La Región de Ourense. Ten participado en numerosas exposicións e o Xurado seleccionouno pola súa obra Lume: Quiemados, fotografía realizada no ano 2005.

O primeiro premio, dotado con seis mil euros, foi para Pablo Fernández Sanmartín (Vilagarcía de Arousa, 1980) pola obra titulada Tomorrow People.

Compartir: